HomePontevedraCaldasGarcía: “O alcalde deixa pudrir 4.311 euros en contenedores sen estrear e...

García: “O alcalde deixa pudrir 4.311 euros en contenedores sen estrear e mercados con cartos públicos”

- Anuncio -spot_img

O voceiro socialista acusa ao goberno local de bloquear a mellora da recollida selectiva co material abandonado desde hai tres anos

Lamenta o abandono do servizo: recollida sen regularidade e os voluminosos na rúa desde hai tres meses

O portavoz do grupo municipal socialista, Alberto García, denuncia con firmeza a situación de abandono na que se atopan os contedores marróns destinados á recollida selectiva de biorresiduos no núcleo urbano de Catoira. Estes contedores, adquiridos no ano 2022 ao abeiro dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente e con aportación municipal, supuxeron un investimento total de 4.311 euros, financiados en parte polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea – Next GenerationEU.

“É absolutamente lamentable que, tres anos despois da súa adquisición, estes contedores continúen amontoados, sen uso e deteriorándose, sen que o alcalde teña tomado medida algunha para poñelos en funcionamento”, afirma García. “Estamos ante un caso flagrante de neglixencia institucional e desprezo polos recursos públicos, que deberían estar ao servizo da cidadanía e da sustentabilidade ambiental. E todo iso a pesar de que Catoira ten a taxa do lixo máis elevada da provincia”.

O proxecto, que tiña como obxectivo implantar un sistema de recollida separada de residuos orgánicos no casco urbano, incluía a colocación de 20 contedores marróns, así como a entrega de 150 caldeiros domésticos e 150 rollos de bolsas compostables ás vivendas participantes. Todo isto foi financiado nun 90% pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente, mentres que o Concello de Catoira asumía o 10% restante e o IVE, cunha aportación municipal de 1.104,53 euros.

Alberto García lamenta tamén o progresivo abandono do servizo de recollida de residuos no municipio. Segundo explica, antes os veciños sabían con certeza que día pasaban os camións

a retirar o lixo, mais agora a falta de regularidade provoca confusión e malestar entre a veciñanza. A situación agrávase no caso dos voluminosos, que levan xa tres meses sen seren retirados. Moitos destes obxectos permanecen acumulados nas vivendas, mentres outros se espallan polas rúas, ofrecendo unha imaxe de desleixo e xerando problemas de salubridade.

Alberto García reclama unha solución inmediata e urxe ao goberno local a restablecer un calendario fixo de recollida, que permita aos veciños organizarse e recuperar a confianza nun servizo esencial para o benestar da comunidade.

Desde o grupo socialista esiximos ao alcalde que explique publicamente os motivos deste abandono, que active de inmediato o sistema de recollida de biorresiduos e que renda contas polo malgasto de fondos públicos. “Non podemos permitir que proxectos financiados con cartos da veciñanza e da Unión Europea acaben no esquecemento por culpa da incompetencia do goberno local”, conclúe García.

Publicacións Relacionadas