Estará o xoves 30 de outubro na parada de bus da Carballeira
Tomiño prepárase para achegar de novo a súa pinga de solidariedade. O vindeiro xoves 30 de outubro, unha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue achegarase á parada de autobús na Carballeira de Goián en horario de tarde, de 16.00 a 21.00 horas, coas portas abertas para todas aquelas persoas que queiran achegarse a doar.
A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) é un organismo público dependente da Consellería de Sanidade que engloba o centro de transfusión de Galicia. Entre os seus obxectivos atópase o de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia en función das súas necesidades. Dende a Axencia lembran que nestes intres están baixas as reservas dos grupos A+ e B+, polo que convida a toda a veciñanza a doar, xa que Galicia precisa 27.000 doazóns de sangue nos meses de verán.
Cada día ADOS despraza dez unidades móbiles a diferentes puntos de Galicia e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender ás e aos doentes que así o precisen. Dende a Axencia lembran que as mulleres poden doar 3 veces ao ano e os homes catro e que cada doante que achega a súa pinga solidaria desde os 18 aos 65 anos podería salvar a máis de 500 persoas.
As persoas interesadas en doar deben lembrar que só poden doar os maiores de 18 anos cun peso mínimo de 50 kg, que hai que almorzar ou agardar dúas horas despois do xantar e levar tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Recoméndase non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios e débese informar ao persoal médico se se está a tomar algunha medicación.



