Gran nivel na proba de Enganches de Equina 2024, con participación do campión de España nunha das súas modalidades e xóvenes promesas

adminON
Lectura mínima de 3
  • A COMPETICIÓN, PUNTUABLE PARA OS CAMPIONATOS DE GALICIA E ESPAÑA, CONTARÁ CUNHA DECENA DE PARTICIPANTES EN TRES MODALIDADES
  • O RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA ACOLLERÁ ESTA PROBA O ÚLTIMO DÍA DE EQUINA, EVENTO QUE TERÁ LUGAR DO 26 AO 28 DE XULLO

O evento ecuestre Equina Galicia 2024, o cal se celebrará do 26 ao 28 de xullo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA baixo a organización da Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA), acollerá na súa última xornada a cuarta proba das seis que compoñen o Campionato Galego de Enganches.

Esta competición, tamén puntuable para o Campionato de España ademais do galego, contará con tres modalidades, Limonera e Tronco, ambas consistentes en carruaxes de catro rodas pero cun cabalo no primeiro caso e con dous no segundo, e tamén Ponis, orientada a nenos e cunha carruaxe tirada por un poni.

Nesta ocasión a proba contará cun gran nivel. Así, entre a súa decena de participantes procedentes de distintos puntos de Galicia figurará o campión de España de Enganches en Limonera Individual, Carlos Castiñeira, e tamén os subcampións en Limonera e Tronco por Equipos, Carlos Otero e José Manuel Suárez, que compartiron estes títulos tamén con Carlos Castiñeira. Ademais, competirán en Ponis un neno e unha nena de 10 e 11 anos que se perfilan xa como novas promesas desta disciplina hípica.

Por outra banda, destaca que nesta proba participarán tres das catro mulleres que compiten en Galicia como groom, é dicir, auxiliar do cocheiro.

A proba estará conformada nas súas tres modalidades por dúas saídas a pista dos participantes, os cales recibirán a súa puntuación en función da media desas dúas voltas. Será un espectáculo trepidante e moi vistoso nunha competición na que colaboran o Club de Enganches de Galicia, a Federación Hípica Galega e ACCEGA, e na que os participantes realizan un gran esforzo para acudir, xa que o transporte dos enganches e o material complementario é complexo e custoso.

Cinco competicións máis

Esta proba de enganches súmase a outras cinco destacadas competicións, o X Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, proba morfofuncional que é o eixo central desta cita ecuestre; o VI Trofeo Xunta de Galicia-Medio Rural de Doma Clásica; a XXVI Copa Accega e o Territorial tamén de Doma Clásica e o Campionato de España de Equitación de Traballo.

Comparte este artigo