HomePontevedraIgualdade promove un curso de autodefensa e empoderamento físico e emocional para...

Igualdade promove un curso de autodefensa e empoderamento físico e emocional para mulleres de máis de 16 anos

- Anuncio -spot_img

Son tres sesións, de tres horas, os sábados 8, 15 e 22 de novembro na Casazul e é a preciso inscribirse en www.apuntate.pontevedra.gal ou no teléfono do CIM 986 864 825

A actividade forma parte da programación violeta de novembro que xira arredor do 25-N
A Concellería de Igualdade organiza un curso de auto-defensa e empoderamento físico e emocional (método Sakura) para mulleres maiores de 16 anos, da man da experta en artes marciais e terapeuta persoal Jatsume Gainza .

Ten unha duración de 9 horas, artelladas en tres sesión de 3 horas cada unha. Serán os sábados 8, 15 e 22 de novembro, ás 10.00 horas, na Casazul (sala Almofrei). A actividade é de balde porén é preciso inscribirse en www.apuntate.pontevedra.gal ou no teléfono do CIM 986 864 825 , ao ter prazas limitadas.

O curso quere proporcionar ferramentas útiles e doadas para o día a día que axuden ás participantes a desenvolver e/ou recuperar a auto-confianza, o auto-coidado e a forza emocional e física necesarias para poder xestionar calquera situación cotiá, incluído poñerse a salvo, de ser preciso, fronte a unha agresión.
Neste espazo traballarase para acadar os seguintes obxectivos:

  • Aprender a escoitar e escoitarse desde unha perspectiva non violenta (comezando por nós mesmas)
  • Coñecer técnicas sinxelas de defensa para poñerse a salvo en calquera circunstancia
  • Recoñecer cando sexan violentadas ou que se atopan nun marco de violencia, verbal ou non verbal
  • Coñecer a forza interna que temos a partir da escoita activa e da auto-reflexión
  • Desenvolver a capacidade para actuar
  • Saber que estamos con nós mesmas
    O curso de auto-defensa para mulleres forma parte da programación violeta de novembro da Concellería de Igualdade, que xira arredor do 25-N (Día internacional das violencias machistas). Este ano a campaña municipal interpélanos cun numero: 12.976 (cantidade de maltratadores con sentenza firme en dez anos (2015-2024) en Galicia e unha pregunta: E se deixamos de contar vítimas e contamos maltratadores? e nos convida a virar o foco cando falamos da violencia de xénero, a violencia exercida polos homes sobre as mulleres polo feito de selo.

Publicacións Relacionadas