HomeVigoNigrán"II Encontro Internacional de Mulleres Electas"

“II Encontro Internacional de Mulleres Electas”

- Anuncio -spot_img

Patricia Diego, edil de Igualdade, e Estela Pérez, de Educación, intercambian experiencias en Palma con 140 políticas de 13 países

Os debates, que rematan hoxe, abordan o liderado das donas, as dificultades para conservar o poder, ou o seu papel innovador na transformación dos servizos públicos

O Concello de Nigrán volve a estar representado no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘Les Elegides’ que remata hoxe en Palma a través das súas concelleiras Patricia Diego e Estela Pérez, de Igualdade e Educación, respectivamente. Ambas, xunto as alcaldesas de Burela e Muros e outras cinco ediles de Pobra do Caramiñal, Bergondo e Malpica, conforman a delegación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (entidade presidida por Nigrán desde 2015). O obxectivo deste gran encontro, organizado polo Fons Mallorquí de Cooperació co apoio da AECID e a Confederación de Fondos, é intercambiar experiencias con outras 140 políticas locais de trece países para tratar de fortalecer o liderado das donas, reflexionar sobre as resistencias que enfrontan para permanecer no cargo e destacar o seu rol innovador na transformación dos servizos públicos. Neste sentido, o lema elixido nesta segunda edición é ‘Liderado, innovación e boas prácticas desde o Sur e o Norte Global’.

Segundo a ONU, só o 35,5% das persoas que ocupan cargos en órganos deliberativos locais no mundo son mulleres. Estes datos poñen de manifesto a necesidade de seguir impulsando espazos de diálogo, colaboración e aprendizaxe compartida como o que o propio Fondo Galego organizou o ano pasado na Coruña: ‘As Elixidas’. “A paridade na representación política non é só un dereito, senón tamén unha condición indispensable para a democracia, o desenvolvemento sustentable e unha gobernanza máis inclusiva. A democracia plena necesita a voz, a acción e a permanencia das mulleres”, reflexionan Patricia Diego e Estela Pérez.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 118 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 28 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

Publicacións Relacionadas