HomePontevedraCaldasJacobo Pérez analiza as actuacións realizadas durante o seu primeiro ano como...

Jacobo Pérez analiza as actuacións realizadas durante o seu primeiro ano como alcalde, nun 2025 no que “sentamos as bases para seguir construíndo o Caldas de Reis do futuro”

- Anuncio -spot_img

 As xestións para que se fagan realidade proxectos históricos como o desenvolvemento dos polígonos ou a construción do Centro de Saúde, a mellora de servizos básicos no rural, o mantemento de rúas e espazos públicos con fortes investimentos, a limpeza do río Umia, a construción do novo Fogar do Maior ou a consolidación da Tafona como punto de encontro interxeracional foron algunhas das accións máis destacadas nestes 12 meses

O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, compareceu este martes nun almorzo informativo para facer balanzo do traballo realizado ao longo dos últimos doce meses, desde a súa chegada á Alcaldía. Un período no que, tal e como destacou o rexedor, “demos pasos moi importantes de cara a consolidar o Caldas do futuro”, en referencia a grandes proxectos que foron desbloqueados, como as xestións realizadas para impulsar a construción do Centro de Saúde por parte da Xunta de Galicia, con convenion xa asinado, ou a colaboración con Zona Franca para o desenvolvemento dos polígonos do Pousadoiro e de ParadelaCarracedo. No caso deste último, o Concello xa dispón do borrador do convenio que fará posible o seu desenvolvemento a partires de 2026, o que suporá contar cun motor económico chave para toda a bisbarra, como xerador de actividade empresarial e ferramenta para xerar emprego.
“Hai xusto un ano comprometémonos a traballar e cumprir con todos os requisitos para axilizar esas actuacións e así o fixemos”, indicou Pérez Gulín, que destacou que os esforzos postos no desenvolvemento destes proxectos non fixo que o Concello perdese o foco noutras cuestións de primeira necesidade para a veciñanza e que si dependen de xeito directo da Administración local. “Desde o primeiro momento mativemos que o mantemento do rural e do casco urbano sería para nós algo prioritario e así o estamos a demostrar. Só hai que botar unha ollada ao aspecto que presentan as nosas parroquias e a nosa zona céntrica na actualidade para corroboralo”, asegurou. Neste 2025, o Concello fixo un investimento próximo aos 500.000 euros neste eido, entre os que figuran os 80.000 euros da licitación do contrato para a limpeza de cunetas e pistas, os 50.000 euros destinados á contratación de podas e mantemento de espazos verdes ou os 100.000 euros investidos para garantir un incremento na limpeza dos camiños no rural, que agora se levan a cabo dúas veces ao ano. A todo isto hai que engadir, ademais, a adquisición de maquinaria e recursos para a limpeza de espazos públicos, mediando o uso dunha hidrolavadora ou a desbrozadora que se utiliza no rural.

Esta limpeza tamén se fixo patente no tramo urbano do Umia, recuperando zonas próximas ao río grazas aos traballos de retirada de restos na zona máis próxima ao núcleo.

Hai un ano, Jacobo Pérez tamén se comprometeu a traballar para potenciar, renovar e mellorar servizos básicos, especialmente no rural.

A piques de rematar 2025, o Concello promoveu varios proxectos, mediante o uso de fondos propios e tamén de plans de axuda doutras administracións como a Deputación de Pontevedra, para incrementar as redes de saneamento ou potenciar o servizo de abastecemento.

Neste último caso, destaca a construción da EDAR do Fieitoso, proxecto que se está levando a cabo a través do Remanente de Tesourería de 2024. “O feito de poder acometer actuacións deste tipo tamén demostran a boa saúde financieira da Administración local.

Caldas de Reis é un concello saneado, que está en disposición de seguir traballando para consolidarnos como capital da bisbarra e para garantir a mellor calidade de vida para os nosos veciños e veciñas”, indicou o alcalde.

Fogar do Maior e novos espazos

Os avances acadados en 2025 tamén quedan patentes en proxectos que xa son unha realidade e que desde o primeiro momento foron prioritarios para o Goberno local. É o caso do Novo Fogar do Maior, inaugurado en novembro e que conta con preto dun milleiro de usuarios. Unhas instalacións de máxima calidade, que acollen un gran número de actividades e que tamén serven de punto de encontro para as persoas maiores. Precisamente pensando tamén neste sector da poboación acometeu unha zona de xogos tradicionais e biosaudables, o Parque do Maior, na Tafona, que se consolida como un emprazamento interxeracional, no que tamén se habilitaron novas pistas polideportivas para a rapazada. Ademais, o Concello vén de licitar as obras para a rehabilitación e mellora do tránsito peonil no Campo da Torre, emprazamento chave no núcleo urbano, cun investimento que supera os 800.000 euros, e que terá continuidade en San Roque, A Capela e A Carreira.

Sempre coa veciñanza

2025 tamén foi un ano no que o Goberno local deixou claro que os intereses da veciñanza están por riba das cores políticas. O Concello estivo a carón dos veciños e veciñas de Caldas de Reis cando tocou reclamar ante as institucións as accións e reivindicacións necesarias.

O maior exemplo foi a loita para conseguir a modificación do estudo da Variante Oeste, para lograr que o Ministerio de Transportes modifique a proposta inicial e contemple retirar do proxecto a construción do enlace ao Porto de Vilagarcía de Arousa. Ademais de acompañar ás plataformas na “exitosa e histórica manifestación” do pasado 29 de novembro, o alcalde lembrou as xestións realizadas para facilitar reunións entre os representantes veciñais e o Delegado do Goberno en Galicia ou o Director de Estradas, para facerlles ver a necesidade de modificar o estudo, de xeito que cause o menor impacto posible, algo que “entendemos que é posible e perfectamente asumible”. Sobre esta cuestión, Jacobo Pérez expresou a súa confianza en que o Ministerio modifique finalmente o estudo.
“Seguiremos moi pendentes do que suceda”, garantiu, do mesmo xeito que o Concello tamén se implicou en favor da comunidade escolar do CEIP San Clemente, para reclamar á Xunta de Galicia a recuperación da terceira Unidade de Infantil. “Á hora de defender os intereses e as necesidades da nosa veciñanza as cores políticas das institucións nunca van estar por diante”, aseverou Pérez Gulín.

Retos futuros

Jacobo Pérez deixou claro que aínda queda moito traballo por facer. “Non somos conformistas e o feito de que nestes doce meses fósemos quen de desbloquear, impulsar e dar vida a numerosas actuacións e proxectos sérvenos para alimentar a nosa motivación para continuar construíndo o Caldas de Reis do futuro”, explicou o alcalde. Dentro da folla de ruta prevista para 2026 está a adquisición de novos terreos na contorna da Tafona, para acoller actividades, citas lúdicas e festas.

Ademais, seguirase avanzando no proxecto para a construción da ponte fluvial sobre o río Umia e están previstas modificacións no PXOM para cumprir con requisitos como a mellora do IES Aquis Celenis, ademais outras cuestións.

Publicacións Relacionadas