O alcalde considera necesario facer este esforzo para atender ás 312 persoas que se atopan empadroadas nesa franxa de idade no municipio e que teñen graves problemas de mobilidade e desprazamento a outros concellos por falta de liñas de transporte e pola grandes distancias e dispersión xeográfica
O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, dirixiuse esta mañá aos responsables do Sergas co fin de poder habilita-lo Centro de Saúde lamense como punto de dispensado das vacinas para a poboación maior de 80 anos deste concello que ten graves e reais problemas de mobilidade e desprazamento ata outros municipios limítrofes para facer efectivo este proceso de inmunización.
Jorge Canda argumentou ante o Sergas a necesidade de dar unha resposta axeitada a gran parte das 312 persoas maiores de 80 anos empadroadas na Lama e que teñen serios problemas de mobilidade e que se atopan con falla de transporte público para poder achegarse ata concellos veciños onde se establecen os puntos de vacinación.
O rexedor da Lama lembrou que este municipio ten unha gran extensión e poboación que e atopa moi dispersa nalgún casos distante do propio Centro de Saúde de máis de 20 quilómetros que fan moi difícil a mobilización da xente ante un operativo destas características planificado para trasladarse fóra, a outro municipio.
FALTA DE TRANSPORTE, O PAGO 30 EUROS DE TAXI E XENTE QUE ESTÁ ENCAMADA OU CON GRAVES PROBLEMAS DE DEPENDENCIA
Canda lembrou tamén que a falla de liña de transporte que percorran estes lugares fan que moitas persoas teñan que recurrir ao taxi para desprazarse ata o centro de saúde de referencia para esta vacinación cun custe, nalgún caso, que ronda os 30 euros.
Finalmente tamén sinalou a existencia de moitos casos reais, dos que se teñen coñecemento nos servizos municipais, de persoas que están encamadas, con severas situacións de dependencia e que se ven impedidas para facer por conta propia ou mesmo asistido este desprazamento ata un concello veciño polo que o alcalde solicita do Sergas un plan de continxencia para atender todos estes casos que forman parte da realidade coa que se ten que enfrontar este municipio.



