HomePontevedraJorge Cubela: “Non basta con dicir que a Deputación é útil para...

Jorge Cubela: “Non basta con dicir que a Deputación é útil para os concellos, hai que demostralo, e este Goberno deixounos sós para afrontar retos moi difíciles”

- Anuncio -spot_img


• Critica que “a Carmela Silva interésanlle exclusivamente as cifras e non os feitos nin as realidades. Ten que percorrer as comarcas con almorzos informativos porque a pegada desta Deputación nos concellos segue sen percibirse”.


• Os populares defenderán dúas mocións no pleno deste venres, para buscar apoio económico para o funcionamento dos xeodestinos e para esixir ao Goberno central que cumpra coa implantación da fibra óptica en todos os concellos da provincia.

O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, contesta a Carmela Silva que “non chega con dicir que a Deputación é unha administración útil para os concellos, hai que demostralo, e o certo é que foi incapaz nestes anos de dar resposta a ningún dos retos que se plantexaron nin coa crise sanitaria nin coa económica, e o Goberno Bipartito deixou sós aos concellos nas súas demandas e para afrontar situacións de especial dificultade”.

Tras o almorzo informativo que a presidenta socialista realizou onte en Combarro, Cubela afirma que “estamos acostumados a que a xestión de Carmela Silva se reduza a titulares de prensa e photocalls. Vomitar grandes números para esconder unha xestión baleira, unha xestión que non tivo en conta ningunha das situacións extraordinarias que aconteceron neste mandato. A súa xestión foi un corta e pega constante, ano tras ano, mentres os concellos reclamábamos medidas extraordinarias que si se adoptaban noutras institucións provinciais”. Así, recorda que en 2023 o Bipartito conta con 11 millóns de euros máis que o ano pasado, entre o aumento do orzamento provincial e os remanentes, pero para o Plan Concellos destinan a pedrea de 1 millón de euros e reducen as transferencias para os concellos en case un 5%

Polo tanto, engade, “presumir de institución útil cando se deu as costas, de xeito constante, aos concellos é unha provocación. Unha presidenta que descoñece o que pasa na súa provincia, afastada da realidade dos concellos porque, en oito anos de mandato, pódese contar cos dedos dunha man aos alcaldes que recibiu no seu despacho. Ela non se reúne nin con alcaldes, nin con veciños, nin con colectivos… Non pode ter unha opinión exacta e real do que acontece no territorio”.

Con respecto ás cifras que “vomita” cada rolda de prensa, Cubela di que “ter que facer balance de oito anos e non do mandato, é proba de que o que lle interesa exclusivamente son as cifras e non os feitos nin as realidades. Ten que percorrer as comarcas con almorzos informativos porque a pegada desta Deputación nos concellos segue sen percibirse”.

MOCIÓNS AO PLENO PROVINCIAL
Os populares defenderán dúas mocións no pleno provincial que se celebra este venres. A primeira delas, reclama á Deputación de Pontevedra que asuma a parte económica que teñen que poñer os concellos para o funcionamento da totalidade dos xeodestinos pontevedreses, que teñen por obxecto mellorar a promoción turística da provincia, grazas á colaboración e posta en común dos esforzos que neste ámbito realizan os distintos concellos agrupados e que supón unha importante oportunidade de promoción, de emprego e na loita contra a despoboación.

Recordan que unha das principais competencias das deputacións provinciais é a asistencia económica aos municipios, especialmente a aqueles de menos capacidade económica e de xestión. “Os concellos estamos pasando moitas dificultades, con orzamentos limitados, e esta sería unha importante achega e apoio por parte da Deputación”.

A segunda moción, busca o apoio da corporación provincial para reclamar ao Goberno central que garanta en todo o territorio o acceso a internet a través da fibra óptica. Recordan que o PSOE leva cinco anos de Goberno e os compromisos que asumiron seguen sen cumprirse e executándose a un ritmo moi lento, afectando fundamentalmente ao medio rural.

Nesta liña, apuntan que o pasado 25 de xaneiro a Secretaria de Estado de Telecomunicacións, María González Veracruz, e o delegado do goberno en Galicia, José Miñones, mantiveron unha reunión coa presidenta da Deputación de Pontevedra e con cargos municipais de concellos da provincia para presentarlles os plans do Goberno para a extensión de fibra óptica no territorio. Pero nese encontro non se plantexaron cuestións de información máis alá que o anuncio destes plans, sen poder responder por descoñecemento a moitas das cuestión que plantexaron os representantes locais. Ante esa situación de desinformación e a falta dunha efectiva coordinación das administración superiores, moitos concellos vénse incapaces de dar solución ás xustas presións veciñais.

Publicacións Relacionadas