HomePontevedraCaldasJosé Cela anuncia o apoio de Moraña ao 2º Plan de Rescate...

José Cela anuncia o apoio de Moraña ao 2º Plan de Rescate da Xunta e garante que o Concello aportará financiamento municipal

- Anuncio -spot_img

Lembra que xa se abriu unha primeira liña de axudas na primavera, que repartiu 60.000 euros entre os veciños afectados, e asegura que o goberno local “estará sempre ao lado dos autónomos, empresarios e hostaleiros nesta crise”

O alcalde mantén un contacto diario coa xerencia sanitaria de Pontevedra para analizar os datos de incidencia da covid-19 de cara á realización dun cribado xeral da poboación en caso de que sigan medrando exponencialmente os casos

O alcalde de Moraña, José Cela, anunciou esta mesma mañá o apoio do Concello á proposta do 2º Plan de Rescate para Autónomos, Microempresas e Hostaleiros cun financiamento multilateral entre o Goberno galego, as deputacións e os municipios e garantiu que, se finalmente se chega a un acordo, Moraña realizará a aportación correspondente “co obxectivo de axudar aos sectores do noso municipio máis afectados polos efectos socioeconómicos desta triste pandemia”.

O rexedor cre que a proposta da Xunta, despois de que asumira en exclusiva a primeira convocatoria e de que moitos concellos, como Moraña, fixesen o propio en solitario, “é a máis acaída e creo que responde perfectamente ás necesidades do sector, xa que poderíaselle inxectar máis cartos, e tamén á demanda da cidadanía de que todas as administracións actuemos unidas e coordinadas en defensa do interese xeral”.

José Cela lembrou que o Concello de Moraña xa abriu, na pasada primavera coincidindo coa primeira vaga da covid-19, unha primeira liña de axudas para os comerciantes, autónomos e hostaleiros, “que se resolver satisfactoriamente coa distribución de 60.000 euros para compensar os prexuízos derivados das medidas sanitarias”.

Nesta liña, indicou que a postura do goberno local “segue a ser a mesma, entendendo perfectamente as necesidades e problemas dos sectores económicos de Moraña e facéndoos propios, polo que, dado que sempre imos estar ao seu lado nesta crise, brindámonos a participar economicamente no segundo Plan de Rescate da Xunta”. Neste senso, reclamou ás demais administracións “altura de miras e responsabilidade, xa que hai moita xente que se xoga moito e que precisa dun apoio forte” e tamén pediu que se alcance un consenso sobre o modo de reparto e a xestión, “que persoalmente creo que debería ser realizado pola Xunta porque é a administración con máis medios e iso permitirá que os cartos cheguen axilmente aos prexudicados agora que tanto os necesitan”.

Contacto co Sergas para un cribado

Por outra banda, o alcalde segue a manter un contacto diario co xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, para analizar os datos de incidencia da covid-19 en Moraña e para emprender un cribado xeral da poboación tan pronto como se chegue a aos parámetros sanitarios establecidos polos Sergas para a súa realización. Finalmente, Cela insistiu en pedir moita responsabilidade e prudencia aos veciños.

Publicacións Relacionadas