HomePontevedraJuan Constenla será o novo deputado nacional do PP de Pontevedra

Juan Constenla será o novo deputado nacional do PP de Pontevedra

- Anuncio -spot_img

Alfonso Rueda destaca que “estará á altura, xa que leva moito tempo traballando, coñece perfectamente como funciona a política dura de verdade, que é a local. E coñece todo o que pasa e o que necesita esta comarca”.

O presidente provincial do Partido Popular anunciou hoxe na Estrada que Juan Constenla será o novo deputado nacional, recollendo así a acta que deixa a alcaldesa de Marín María Ramallo. Rueda destacou que convértese así no primeiro representante que o concello e a comarca van ter no Congreso, e amosouse convencido de que “estará á altura, xa que leva moito tempo traballando, coñece perfectamente como funciona a política dura de verdade, que é a local. E coñece todo o que pasa e o que necesita esta comarca. É un político experimentado e con vocación, que é o que se precisa neste momento”.

Rueda aproveitou a ocasión para agradecer todo o traballo e responsabilidade de María Ramallo, e dixo que a seguinte na lista, Elena Suárez, vai seguir facendo unha labor importante no Parlamento galego. Así pois, cando Ramallo presente a renuncia á súa acta, antes de finalizar este mes, o Congreso comezará os trámites para que Suárez renuncie e poida ser Juan Constenla o que recolla a acta.

A partir dese momento, continuou Rueda, “levará as reivindicacións da provincia a Madrid, pero tamén as da comarca e do concello, como reclamar a Variante da Estrada”. E, continuou, defenderá tamén que o Goberno central dea as ferramentas e capacidades ás comunidades autónomas para poder xestionar a pandemia. Xa que eles están desaparecidos e hai unha deixación de funcións absoluta, dixo, é importante que non obstrúan o traballo dos gobernos autonómicos para afrontar esta loita tan complicada.

Na rolda de prensa, Juan Constenla agradeceu a confianza do partido. “É unha responsabilidade moi grande, e traballarei de xeito comprometido para trasladar as necesidades de demandas dos concellos e representar á provincia en Madrid”.

Por último, o alcalde da Estrada, José López, resaltou que a nivel político hoxe é un día moi especial, xa que para o concello “é fundamental e unha gran noticia que Juan Constenla sexa deputado nacional”.

López enxalzou que “Juan sempre estivo no partido, traballando sempre desde a estrutura e en silencio, sendo un fiel reflexo do que poden ser miles de persoas que traballan á sombra dun proxecto político como o do Partido Popular”. Recordou que cando él chegou a política Juan xa estaba traballando, e por iso entende que “hoxe rendemos tributo a todas esas persoas, á maioría silenciosa do partido que é fundamental e que non sempre teñen protagonismo que merecen”.

Juan Constenla incorporarase así ao grupo de deputados nacionais e senadores do PP de Pontevedra, con Diego Gago e Javier Bas na cámara baixa, e Pilar Rojo, Javier Guerra e Elena Muñoz no Senado.

Publicacións Relacionadas