• O PP critica a escaseza e falta de mantemento das instalacións deportivas, a ausencia de criterios obxectivos á hora de asignar o uso dos clubs deportivos e a ausencia dunha ordenanza do século XXI
• Os populares impulsaron unha proposición para a redacción dun Plan Director de Uso das Instalacións Deportivas Municipais que foi aprobado por unanimidade
O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra Guille Juncal visitou as instalacións deportivas municipais que, coas tempadas empezadas ou a piques de comezar, sofren un “colapso” que obriga aos clubs e deportistas a “facer encaixe de palillos para poder levar a cabo os seus adestramentos nunhas condicións aceptables”.
O edil afirmou que o Concello de Pontevedra “volve vivir, un ano máis, o seu particular día da marmota” co deporte local, debido ao “nulo” investimento realizado pola administración local nas instalacións deportivas da cidade.
O popular defendeu a necesidade de investir máis diñeiro das arcas municipais, tanto no mantemento, como na construción de novos recintos deportivos que poidan albergar toda a demanda existente, e que cada tempada segue en aumento polo número de equipos e de licenzas deportivas en constante crecemento.
Hai un ano, o PP local conseguiu aprobar no pleno, co apoio unánime da corporación local, unha proposición para a redacción dun Plan Director de Uso das Instalacións Deportivas Municipais que “poña o foco nas necesidades estruturais do deporte na nosa cidade, no que se refire a infraestruturas e, tamén, co modelo de xestión obsoleto que presentan moitas destas infraestruturas”.
En resumo, o partido máis votado da cidade observa un problema “enquistado e cronificado no tempo” coas súas instalacións deportivas e o seu modelo de xestión: escaseza e falta de mantemento; ausencia de criterios obxectivos á hora de asignar o uso dos recintos aos clubs deportivos; e a ausencia dunha ordenanza que regule estas cuestións, que non recolle a actual, “desfasada” e do século pasado.