o A celebración, que coincidiu con eventos deportivos na vila, deixou “a mellor fin de semana de facturación da historia” para moitos locais, apuntou o alcalde
O alcalde da Estrada, José López, fixo balance esta mañá da IX edición da Feira da Sidra, que tivo lugar o 4 de xuño na Praza do Concello e “desbordou as expectativas máis ambiciosas” conseguindo un “éxito colectivo” ao xuntar a milleiros de persoas e esgotar as provisións de vasos e de sidra.
O rexedor local quixo felicitar e agradecer tanto á organización como a cada un dos expositores o seu apoio a esta iniciativa “dende o primeiro momento”, e sinalou o compromiso do Concello da Estrada para que esta celebración continúe evolucionando coma “un dos referentes das festas gastronómicas de Galicia”. López adiantou que de cara ás vindeiras edicións estase a valorar “o cambio de ubicación da festa para a Praza da Feira” aproveitando a súa recente humanización, que permitirá adaptar o espazo a este tipo de eventos e “integralo coa carballeira”, aportando ademais un valor simbólico moi importante.
O alcalde tamén destacou o impacto da Feira da Sidra entre a veciñanza da Estrada, conseguindo reunir a xente de todas as idades, tanto do ámbito rural coma do urbano.
Esta celebración contribúe a “poñer en valor o sector primario”, explicou López, “nun municipio predominantemente rural coma o noso” que soubo transformarse ata producir hoxe en día máis de un millón e medio de quilos de mazá ecolóxica e transformalos en sidra, con cinco lagares locais cunhas “producións importantes” que converten A Estrada en “todo un referente”.
O obxectivo do goberno local, explicou o alcalde, é continuar mantendo o seu compromiso cos produtores locais con iniciativas como a creación dun centro de apoio e dinamización do sector primario na Estrada e a sinalización da Ruta da Sidra, proxectos para os que se adicarán 400.000 euros dos fondos EDUSI e que estarán finalizados antes do remate deste ano.
López fixo referencia tamén a outros eventos que coincidiron durante a fin de semana no municipio como as finais autonómicas de minibasket e preminibasket, con máis de 3.000 participantes, que axudaron a que o pobo estivese “abarrotado” traducíndose na “mellor fin de semana de facturación de toda a súa historia” para moitos locais da hostelaría estradense, apuntou López.