O alcalde de Pontevedra remitiu esta mañá unha carta ao presidente da Deputación provincial expresando o malestar do Concello pola distribución económica que fai dos fondos provinciais e a discriminación patente de Pontevedra. Unha situación nunca acordada na historia da institución.
Pontevedra é o concello número 11 da provincia na táboa de transferencias, por riba están outros como Lalín, Vilagarcía de Arousa, A Estrada, Tomiño, Sanxenxo, O Porriño, Moaña, Marín ou Ponteareas, ademais de Vigo.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, dirixiuse por escrito ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, para expresar o seu malestar e denunciar formalmente a grave discriminación que, segundo os datos extraídos da liquidación orzamentaria de 2024, está a sufrir o Concello de Pontevedra por parte do actual goberno provincial. Esta misiva materializa advertencias e queixas que xa foron trasladadas verbalmente en diversas reunións.
O rexedor pontevedrés subliñou que, desde 1999 ata 2025 –dende cando el é alcalde e baixo diferentes gobernos provinciais–, a Deputación sempre mantivo un trato respectuoso coa cidade de Pontevedra, recoñecendo o seu papel como capital de provincia, sede da propia Deputación e segunda urbe en poboación. Este trato concretábase en que as transferencias de fondos, especialmente nos capítulos 4 (transferencias correntes) e 7 (transferencias de capital), así como noutras actuacións demandadas polo Concello, situaban a Pontevedra, como mínimo, no segundo posto da provincia en canto a dotación económica, e en ocasións mesmo no primeiro.
“Este estatus mantívose con presidentes como Abeledo, Louzán e Carmela Silva, e con vicepresidentes e deputados como Juan Luis Pedrosa, Teresa Pedrosa, Ana Isabel Vázquez ou César Mosquera”, afirmou o alcalde. “Houbo variacións segundo os exercicios e as posibilidades económicas da Deputación, pero en ningún caso, ningún concello con menos poboación que Pontevedra estivo por riba ou lle pasou por diante ao Concello de Pontevedra”, engadiu, e agredeceu que sempre fora así.
A situación mudou radicalmente na presidencia de Luís López. Os datos oficiais revelan que dez concellos da provincia (Vigo, Lalín, Vilagarcía de Arousa, A Estrada, Tomiño, Sanxenxo, O Porriño, Moaña, Marín e Ponteareas) recibiron máis transferencias da Deputación que Pontevedra.
“Non se trata dunha disputa partidista nin dunha discusión por uns miles de euros”, recalcou o alcalde. “Hai
concellos onde gobernan distintas forzas políticas que teñen un cuarto da poboación de Pontevedra e que reciben máis cartos. Estamos a falar dunha cuestión de dignidade e de respecto polo estatus que sempre tivo e ten que ter o Concello de Pontevedra”, aseverou.
O alcalde criticou que se intente “retorcer as contas” mesturando gastos propios da Deputación en institucións provinciais como o Museo ou o Príncipe Felipe con transferencias directas ao Concello. “A realidade oficial, a contabilidade oficial nos capítulos 4 e 7 é teimuda: 2,5 millóns de euros para o Concello de Pontevedra no ano 2024, mentres que dez concellos da provincia recibiron cantidades superiores”, sentenciou.
A pesar desta situación, a Deputación “seguirá contando coa colaboración que precise do Concello de Pontevedra que presido para o desenvolvemento de todas as súas actividades”. No obstante, o alcalde sentiu a “obriga de defender os intereses de Pontevedra e dese xiro” e reitera a súa disposición a estudar “alternativas e fórmulas para resolver esta anomalía que discrimina gravemente o Concello de Pontevedra” e agarda que se restableza o equilibrio institucional “Non é unha cuestión de 4 pesetas máis ou menos, non é unha cuestión de disputas partidarias, senón que é unha cuestión de dignidade e de respecto polo estatus do Concello de Pontevedra”, finalizou o alcalde.



