O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá as obras de seguridade viaria que a Xunta realiza na estrada autonómica PO-531 ao seu paso pola parroquia de Campañó, acompañando á conselleira de Infraestruturas María Martínez. Logo das explicacións técnicas sobre as solucións adoptadas para mellorar a seguranza na estrada, Lores resaltou “a coordinación entre os plantexamentos municipais e os plantexamentos autonómicos” e asegurou que mellorará a calidade de vida de toda a contorna.
Recordou que a PO-531 é unha estrada autonómica na que tamén se atopa un centro de ensino xestionado pola Xunta no que “había un importante problema de seguridade”. De feito, o alcalde de Pontevedra recoñeceu estar “totalmente de acordo” coa solución adoptada polos técnicos de colocar rotondas e reducir a sección dos carrís porque “é o que na práctica fai diminuír a velocidade e, polo tanto, a menor velocidade menor sinistralidade e máis seguridade viaria”.
Recordou que no proxecto da Xunta contémplase a expropiación de dúas zonas de estacionamento, e supón a creación dunha nova rotonda que será o inicio da futura Variante de Alba.
O alcalde lembrou que o Concello actuou recentemente na contorna do colexio para facilitar a entrada de autobuses, separar o estacionamento do profesorado, e fixar unha zona de estacionamento para ás persoas que se achegan a recoller aos cativos ao centro escolar, mellorando substancialmente a seguridade dos alumnado do centro nas entradas e saídas.