HomePontevedraPontevedraLores en relación aos Orzamentos da Xunta para 2026: "O PP acerta...

Lores en relación aos Orzamentos da Xunta para 2026: “O PP acerta cando rectifica en temas importantes para a nosa cidade”

- Anuncio -spot_img

O alcalde de Pontevedra valorou as Contas autonómicas para 2026 das que dixo que a Xunta rectifica en temas clave impulsados polo Goberno local, moitas delas históricas: Montecelo, variante de Alba, vivenda pública, ampliación do Campiño ou solucións ás inundacións do Valdecorvos.

Agarda que se manteñan os compromisos de investimento de 3 millóns de euros en Monte Porreiro e a liberalización da Xunqueira da Gándara (Alba), aínda que non están recollidos no proxecto de orzamentos de 2026.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores valorou esta mañá o proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2026 en relación aos investimentos que responden ás demandas plantexadas polo Concello de Pontevedra. Fernández Lores afirmou que “valoramos positivamente a rectificación en temas importantes para a nosa cidade e que aparecen recollidos nos Orzamentos de 2026”.
“Teño moi claro que cando a Xunta do Partido Popular rectifica, acerta. Especialmente cando desautoriza ao PP local e, persoalmente, ao señor Domínguez”, iniciaba Fernández Lores a súa valoración. E para xustificar as súas palabras lembrou que “hai algúns anos xa, a primeira rectificación foi a construción do Hospital Montecelo e, polo tanto, desbotar Monte Carrasco tal e como demandaba o propio sector, o Concello de Pontevedra e a cidadanía de Pontevedra. Polo tanto, canto rectificou, acertou e valoramos positivamente que neste momento se estea facendo o gran Montecelo. Por certo, coa colaboración inestimábel, nunca suficientemente tida en conta, do Concello de Pontevedra cun investimento moi potente, axuda de tramitación, servizos…”, concluíu o alcalde.

Entre esas rectificacións tamén incluíu a construción de vivenda pública. “A Xunta do Partido Popular estivo 15 anos sen construír unha soa vivenda pública en Pontevedra e non foi por falta de terreos, porque os terreos onde está construíndo vivenda pública neste momento son terreos que son ou propiedade do IGVS ou propiedade do Concello de Pontevedra que cedeu esas parcelas”.

Lembrou, así mesmo, a variante de Alba “que aparece nos orzamentos da Xunta a pesar dos reiterados atrancos do señor Domínguez”.
Outro exemplo foi a ampliación do Polígono industrial do Campiño. “Aínda que é unha ampliación insuficiente porque a previsión era de 300.000 metros cadrados e ao final quédase en 160.0000, si houbo unha variación porque esa demanda municipal foi acollida nos orzamentos do 2026”, aclaraba o alcalde de Pontevedra ao igual que se refería ao posicionamento da Xunta ao respecto da situación do regato de Valdecorvos do que “por fin recoñece a súa responsabilidade dentro do plan de prevención de inundacións en todo o país. Polo tanto, valoramos positivamente este cambio e ofrecemos a nosa colaboración para resolver un problema que ven de moitísimos anos e que ten a súa principal causa no recheo dunha zona de xunqueira, onde está o CGTD, propiedade da Xunta de Galicia”.

Ademais, o alcalde de Pontevedra tamén aclarou que entendía que se mantiña o compromiso da Xunta de investir 3 millóns de euros no barrio de Monte Porreiro tanto en infraestruturas deportivas como en saneamento, pendente de definición municipal. “Tamén está pendente unha demanda do Concello do traslado das dependencias que a Xunta de Galicia ten na Xunqueira da Gándara (Alba)”, unha decisión da que Lores recordou que está acordada co Concello que colaborará coa Xunta na posta a disposición dunha parcela municipal na que recolocar aos bombeiros forestais con sede na Xunqueira. O Concello está á espera de que a Xunta pase as necesidades desa parcela.

Publicacións Relacionadas