Losada e Rivas valoran coas mariscadoras que o Goberno permita as labores de rareo e sementeira durante o cese de actividade

adminON
Lectura mínima de 3
  • A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, participou nun encontro do subdelegado do goberno, Abel Losada, coas mariscadoras da confraría redondelá.
  • As mariscadoras trasladaron ao subdelegado a demanda de actuacións para mellorar os fluxos de correntes na ría, que pasarían pola eliminación da escollera construída en 1926. Esta barreira de pedra impide a rexeneración natural no fondo da ría.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañou este mediodía ao subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, nunha reunión na confraría de pescadores San Xoán xunto a un grupo de mariscadoras. Na xuntanza abordaron o cambio interpretativo impulsado polo Goberno que permite ás traballadoras realizar tarefas de rareo e sementeira de bivalvos mentres as perciben axudas por cese de actividade. Losada incidiu nos beneficios do rareo e sementeira, que evita futuros ceses de actividade por falta de produto nos bancos. “Non tiña sentido prohibirlles realizar estas tarefas de sementeira e traslado de bivalvos durante o cese, pois a longo prazo, redunda nunha maior produción e actividade”, aclarou. Rivas cualificou a medida como “un acto de xustiza para a xente do mar, que permite dar resposta a unha demanda histórica do sector”.
Losada explicou que esta reivindicación foi traslada á directora do ISM, Elena Martínez, así como á propia Federación de Confrarías, polo Instituto Social da Mariña (IMS) de Vigo e Vilagarcía. Neste sentido, destacou “a sensibilidade non so do ISM, senón tamén da Dirección Xeral da Seguridade Social, cun novo criterio interpretativo que permite ás mariscadoras do Réxime Especial de Traballadoras do Mar (REM) desenvolver este tipo de labores nas praias sen perder os dereitos que lles corresponden por cese de actividade”.
Abel Losada lembrou tamén que esta petición xa fora formulada polas confrarías ao Goberno de España en 2013, e fora rexeitada.

Demandas para mellorar o fluxo de correntes na enseada

As mariscadoras aproveitaron o encontro co subdelegado para manifestarlle a necesidade de actuacións de mellora no fondo da ría, así como as súas reivindicacións en relación ao peirao de Cesantes, que xa presentaron ante o organismo autonómico de Portos de Galicia. A prioridade da agrupación que preside Ana Belén Sotelino é eliminar a escollera da enseada, construída en 1926 para facilitar a navegación dos barcos polo río cara Redondela. Esta infraestrutura, que non ten utilidade, “supón unha barreira para as correntes mariñas, o que prexudica ao ecosistema da enseada e fai improdutivos os areais”, explica Sotelino. Losada comprometeuse a estudar e trasladar estas peticións ao Ministerio e á Administración autonómica, mentres a alcaldesa manifestou a súa disposición “para reunirse coas confrarías e Concellos de Soutomaior e Vilaboa, afectados tamén por esta situación, para facer unha fronte común en beneficio do marisqueo na enseada.

Comparte este artigo