• Trátase dunha iniciativa que volve tras dous anos de ausencia pola pandemia e que está organizada pola Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Lourido, en colaboración coa Concellería de Deportes
• As probas inclúen diferentes disciplinas deportivas, ademais de xogos tradicionais e moitas outras sorpresas
Lourido recupera este ano unha das súas citas de referencia da tempada estival. Logo de dous anos de ausencia por mor do impacto da pandemia da COVID-19, o vindeiro 25 de xullo comezará unha vixésima sexta edición dos Xogos de Verán, organizados pola Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Lourido, en colaboración coa Concellería de Deportes. A responsable deste departamento, Marga Caldas (BNG), deu a coñecer os detalles da programación, acompañada por representantes do colectivo organizador.
“Para nós é un gran motivo de ledicia poder presentar este evento, que conta con 26 anos de historia e que se celebrou por última vez no verán de 2019”, apuntou Caldas Moreira, que explicou que as probas desenvolveranse desde o luns 25 ata o domingo 31. “Será
unha semana de diversión, no que a práctica de hábitos saudables será a gran protagonista”, recalcou a edil de Deportes, que expresou o seu agradecemento á asociación polo seu esforzo e implicación á hora de organizar estes xogos. A inscrición é gratuíta, se ben para poder participar nalgunha das probas resultará indispensable inscribirse previamente. As anotacións poderán realizarse a través da páxina web www.xogosdelourido.com, onde tamén se ofrece información detallada do amplo programa de actividades e dos horarios. Asemade, as reservas poden formularse chamando ao 606257171 ou enviando un correo electrónico á dirección clubfutbolbasepoio@gmail.com, no que deberán constar os datos dos e das integrantes de cada equipo.
Estas probas, todas de carácter gratuíto, destacan pola súa variedade. Así, haberá competicións de fútbol 6 base, así como volei praia, bici praia, pesca ou tenis praia. Todas as actividades terán lugar durante as tardes, a partires das 18.00 horas, a excepción da de pesca, que será o sábado 30 ás 10.00 horas. Ademais, non faltarán tampouco xogos tradicionais como a petanca, aros, a chave ou a carreira dos caramelos. “É un calendario do máis variado e moi completo, que garante unha semana de auténtica diversión”, indica Marga Caldas. O domingo 31 terá lugar o acto de entrega de trofeos, a partires das 12.00 horas, ademais dun petisco. A música tamén será protagonista durante a fin de semana, cunha actuación de Javi Solla DJ ás 21.30 horas do sábado e outra a cargo da Agrupación Vides Novas, a modo de peche dos Xogos de Verán. Ademais, contémplase iniciativas pensadas para os máis cativos, como obradoiros de manualidades.
“Temos moi claro que Poio é sinónimo de deporte, de hábitos saudables e de esparcemento, polo que este evento casa perfectamente coa nosa filosofía. Sempre estaremos aí para colaborar con este tipo de iniciativas, tan atractivas e beneficiosas”, finalizou Marga Caldas.