O alcalde reuniuse coa delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz Álvarez, para avanzar en proxectos como o Camiño do Santo Aparecido, as casas dos mestres, melloras nas rúas autonómicas e a creación dun novo aparcadoiro en Pazos
O alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, mantivo unha reunión de traballo coa delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz Álvarez, na que se abordaron diferentes proxectos de interese para o municipio, tanto no ámbito das infraestruturas como nos servizos públicos.
Entre os asuntos tratados, destacou o proxecto do Camiño do Santo Aparecido, que o Concello propuxo incluír no Plan de Infraestruturas Rurais da Xunta de Galicia. A delegada confirmou que a actuación está prevista para executarse no ano 2026, o que supón un importante avance para mellorar as comunicacións e o entorno rural do municipio.
Outro dos temas centrais foi o estado das coñecidas “casas dos mestres”, inmobles que presentan un notable deterioro. O alcalde trasladou á Xunta a urxencia de intervir nestes edificios, e a administración autonómica comprometeuse a estudar a desafección para que poidan pasar a ser de titularidade municipal, co obxectivo de darlles un novo uso público en beneficio da veciñanza.
No encontro tamén se analizou o mal estado de varias rúas de titularidade autonómica, situadas nas parroquias de Amoedo, Pazos, Borbén e Moscoso. O Concello xa remitiu un informe á Axencia Galega de Infraestruturas, solicitando actuacións de mellora que garantan a seguridade e o bo tránsito de vehículos e peóns.
Así mesmo, o alcalde propuxo humanizar o terreo de aparcadoiro situado en Pazos, actualmente sen uso definido, para convertelo nun parking disuasorio en condicións Nota de Prensa que permita ordenar o tráfico e ofrecer un servizo útil á cidadanía, especialmente durante eventos de grande afluencia.
Por último, tamén se trasladou á Xunta a necesidade de substituír o camión de emerxencias municipal, que se atopa moi vello. O Concello solicitou a cesión dun vehículo usado en mellores condicións, o que permitiría reforzar a capacidade de resposta ante situacións de urxencia no ámbito local.
O alcalde, Luciano Otero, valorou a reunión como “moi positiva e produtiva”, destacando a boa disposición da Xunta para colaborar co Concello de Pazos de Borbén.
“Estamos facendo unha xestión constante e responsable para conseguir proxectos que melloren a vida das nosas veciñas e veciños. Desde Alternativa Veciñal seguiremos traballando con ilusión e compromiso para que Pazos de Borbén siga avanzando”, afirmou o rexedor.



