- Os Reis Magos contaron un ano máis coa colaboración de Papá Noel e do Apalpador para que os calendarios do concello cheguen a todas as casas do municipio. E tal e como confirmaron as súas maxestades o reparto comezará a facerse a finais desta mesma semana.
En cada casa do Concello de Soutomaior está a punto de chegar nestes días un calendario e unha lámina adicados a Luís Davila. Ilustrador, deseñador, humorista, pintor, é popularmente coñecido polo seu traballo “O bicheiro” no xornal Faro de Vigo.
O calendario, do que se repartirán máis de 3500 exemplares, conta con diversas láminas deste popular e coñecido artista e cunha lámina contratada e feita para o Concello cun guiño a importancia que ten na nosa terra “mover os marcos” e na que aparece tamén a ría de Vigo.
O alcalde de Soutomaior quixo agradecer a colaboración e traballo realizado Luís Davila, pola cesión das súas obras, e tamén agradece de antemán o traballo das Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar, de Papá Noel e dos seus axudantes e do Apalpador, que como home forte do Courel sinalou que “el so pode cos barrios enteiros de Soutomaior”. Xa que nesta semana comezarán a repartir e a adiantar os seus agasallos por todas as casas do concello.
O calendario conta con imaxes propias feitas para o concello, e moitas outras personalizadas para Soutomaior, láminas todas elas que describen eventos e realidades para o concello de Soutomaior, así no mes de marzo, estará presente o feminismo, en abril a Festa da Ostra, en agosto a Semana Grande, en setembro a volta ao cole…
Para finalizar, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, quixo destacar o inxente traballo das figuras do Nadal e sinalou “o especial agasallo de Nadal deste ano, o calendario e a lámina son unha fermosura que demostran a xenialidade deste artista”. Lourenzo ten claro que se trata dun calendario, como o deste ano, que terá valor máis alá do 2026 do que, segundo dixo nesta xornada o alcalde de Soutomaior, “seguro que recibiremos peticións para contar cun dos nosos calendarios de todos os puntos do país, estamos falando de Luis Davila un autor recoñecido, querido e moi admirado entre a poboación”.
O alcalde quixo agradecer a Luís Davila e a todas as persoas que traballaron para facer deste calendario unha realidade.
Un Nadal para Vivir en Soutomaior que xa deu comezo o 6 de decembro e que se desenvolverá ata o 10 de xaneiro con moitas actividades para todos os gustos e idades. Este venres visitará o noso Nadal o Grinch, o sábado aterrará en Soutomaior o Apalpador, teremos o Mercado de Nadal, tren de Nadal e tardeo musical con “Algo pasa con Mery”. Xa na xornada do domingo chegará de novo o Mercado de Nadal, o tren de Nadal, visitaranos Papá Noel e contaremos cunha sesión vermú protagonizada por “Demasiadas luces y pocas sombras”. Podedes informarvos de toda a programación deste Nadal en: https://soutomaior.gal/axenda/



