O presidente provincial visita as instalacións da Cooperativa de Gandeiros do Deza en Lalín para explicar as bases da convocatoria que repartirá ata 45.500€ a cada beneficiario
“En novembro, nun encontro con cooperativistas en Rodeiro, adiantamos o compromiso de incrementar en 100.000 euros o orzamento para as axudas. Hoxe demostramos que cumprimos cosa nosa palabra”, afirma López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou a aprobación o vindeiro venres en xunta de goberno da liña de subvencións para cooperativas agrogandeiras que para este ano acada os 350.000 euros. Unha suba de 100.000 euros no orzamento con respecto ao ano anterior que o mandatario provincial presentou este luns nun encontro en Lalín cos membros da Cooperativa Gandeiros do Deza. “En novembro, nun encontro con cooperativistas en Rodeiro, adiantamos o compromiso de incrementar en 100.000 euros o orzamento para as axudas a cooperativas deste sector para este ano 2025. Hoxe demostramos que cumprimos cosa nosa palabra e demostramos o noso máximo apoio ao sector”, sinalou Luis López despois de repasar os distintos encontros que mantivo con profesionais do sector primario desde a súa toma de posesión como presidente provincial.
Esta liña de subvencións para cooperativas agrogandeiras da provincia, que será aprobada na xunta de goberno deste venres, está dotada cun orzamento de 350.000 euros. Unhas axudas que repartirán entre 600 e 45.500 euros entre as entidades beneficiarias e que servirán para financiar ata o 65 % do investimento, sempre que non sexa superior a 70.000 euros. Con estes fondos, as cooperativas poderán realizar investimentos para mellorar os seus servizos, impulsar a comercialización e valorización dos seus produtos, mellorar a formación ou desenvolver proxectos de innovación ou investir no uso das novas tecnoloxías ou enerxías renovables.
“É unha panca extraordinaria para un sector extraordinario, que contribuirá a construír unha industria agrogandeira mías forte, máis competitiva e máis moderna”, sinalou o presidente Luis López, quen lembrou que na convocatoria do ano 2024 a Cooperativa de Gandeiros do Deza recibiu unha subvención de 23.344 euros que serviu para a adquisición de tres máquinas para traballar a terra. “Apostastes pola modernización da maquinaria agrícola, unha decisión pola que vos felicito e anímovos a seguir na mesma liña para seguir fortalecendo a nosa economía”, declarou o dirixente.
Ademais do apoio económico que supoñen esta liña de subvencións, a Deputación presta apoio ao sector agrogandeiro da comarca do Deza e do conxunto da provincia a través da colaboración en feiras e eventos do sector ou coa asistencia de centros de referencia como a Estación do Areeiro ou a Finca Mouriscade.