O presidente adianta a celebración dunha reunión de traballo na que participarán todos os membros do goberno provincial que terá lugar este venres e sábado na Lama para analizar os dous anos de goberno e sentar as bases do proxecto para os dous seguintes
“Temos a misión de reforzar as prioridades e as políticas que converten a Pontevedra na provincia extraordinaria que temos actualmente”, sostén López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adianta que a Deputación organizará o vindeiro martes, 1 de xullo, o acto institucional de balance dos dous primeiros anos de goberno en Vigo, no Edificio do Tinglado do Porto de Vigo. Será a primeira vez na historia da Deputación que a principal cidade de Galicia acolle este acto de balance, que levará por título: “Escoitar, Entender, Atender: Dous anos tendendo pontes”. Así mesmo, tamén informou o mandatario provincial que esta fin de semana, nesta tarde de venres e ao longo da maña do sábado, celebrarase na Lama unha reunión de traballo na que participarán todos os membros do goberno provincial para analizar o traballo feito e o que está por facer unha vez superado o ecuador do mandato.
“Alí falaremos de investimento, das nosas bandeiras de goberno e dun modelo de xestión baseado en escoitar, entender para logo atender ao millón de pontevedreses que habitan o noso territorio”, explicou o presidente Luis López a idea central dun acto ao que están convidados representantes de todos os ámbitos e de toda a provincia. Neste sentido, o dirixente provincial resaltou o fito histórico de celebrar este acto en Vigo. “Unha cidade fundamental dentro da nosa axenda de goberno, na que a vicepresidente Luisa Sánchez está a desempeñar un papel clave para as viguesas e vigueses”, subliñou.
Antes de render contas diante de toda a provincia dos resultados do proxecto político que iniciado no 2023 e encabezado polo presidente da Deputación, Luis López, o equipo de goberno manterá unha xornada de traballo esta fin de semana na Lama. Alí, os responsables de cada unha das áreas de traballo do goberno provincial exporán a intensa actividade que levaron a cabo ao longo destes dous anos, ao mesmo tempo que, en equipo, quedarán definidas as liñas estratéxicas para o curso 2025-2026.
“Temos a misión de reforzar as prioridades e as políticas que converten a Pontevedra na provincia extraordinaria que temos actualmente”, rematou Luis López.