O presidente da Deputación de Pontevedra presentou no local social da parroquia de Quireza o proxecto de mellora da estrada provincial acompañado polo alcalde, Jorge Cubela, e a deputada provincial de Infraestruturas, Isabel Couselo
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este sábado un investimento de preto de 440.000 euros para mellorar a seguridade viaria da estrada provincial EP-7102 entre os núcleos de Serrapio e Potela durante unha visita ao concello de Cerdedo-Cotobade. Foi nunha presentación no local social da parroquia de Quireza na que estivo acompañado polo alcalde, Jorge Cubela, e a deputada provincial responsable de Infraestruturas, Isabel Couselo.
A intervención, que entre outros consistirá nun ensanchamento dun treito de 1.200 metros, suporá un investimento de preto de 440.000 euros que achega a Deputación a través de fondos propios, mentres que o Concello asume os gastos de expropiación dos terreos necesarios para acometer a reforma, que ascenden a 1.150 euros. O prazo de execución é de seis meses.
Na actualidade, este treito de estrada presenta un ancho insuficiente, duns 4.5 metros, carece de beiravías e presenta curvas perigosas. Coa reforma, poñerase solución a estes problemas a través do ancheamento da estrada, que pasará a ter 7 metros; coa implantación de dous carrís de circulación, un para cada sentido; coa construción de beiravías en ambas as marxes, corrixindo o trazado das curvas, renovando a capa de rodadura, construíndo muros de contención e cunetas para drenaxe da chuvia e, finalmente, colocando nova sinalización horizontal e vertical.
Na súa intervención, o titular do goberno provincial quixo recoñecer o labor do alcalde e deputado provincial Jorge Cubela polo seu traballo, a súa esixencia para levar adiante iniciativas a prol dos veciños, e a súa capacidade para poder facer realidade este proxecto, así como para acadar fondos de todas as Administracións e fixar poboación. “Este proxecto concorreu con outros proxectos e tivo unha puntuación moi alta que lle permitiu acadar a subvención”, explicou.
López ademais lembrou a aprobación dos novos Orzamentos provinciais do ano 2024: 189,2 M€, os máis altos da historia da Deputación, que destinan 1 de cada 3 euros a apoiar directamente aos concellos, ademais de materializar a creación do servizo de Xuventude e Reto Demográfico.



