Os beneficiarios, de sete concellos diferentes, gozarán dunha estancia de seis días e cinco noites nun dos sete establecementos dispoñibles en Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou a relación de persoas admitidas no programa de termalismo social +Benestar, a través do cal máis de 180 veciños e veciñas maiores de 55 anos de sete concellos das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes poderán desfrutar de estancias en balnearios, talasos ou spas da provincia. O obxectivo desta iniciativa, tal e como detallou o presidente provincial, é facilitar o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e , ao mesmo tempo, dinamizar o sector turístico durante os períodos de menor actividade.
En concreto, estas 181 persoas trátanse de 78 veciñas e veciños da Estrada, 2 de Agolada, 21 de Cerdedo-Cotobade, 15 de Forcarei, 31 de Lalín, 2 de Rodeiro, 11 de Silleda e 21 de Vila de Cruces. En total, o programa, que arranca este domingo 3 de novembro coas primeiras saídas, ofrece estancias de seis días e cinco noites nun establecemento termal para as preto de 2.200 persoas empadroadas na provincia que se beneficiarán de +Benestar.
O programa de termalismo da Deputación desenvólvese en sete establecementos termais da provincia, situados en Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín (Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Balenario de Mondariz, Hotel Carlos I Silgar, Talaso Hotel Louxo La Toja, Hotel Spa Norat Torre do Deza, Hotel Spa Galatea e Hotel Nuevo Astur Spa). Ademais da estadía, o paquete comprende pensión completa (coas bebidas incluídas); o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día; e o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.