O presidente provincial, acompañado pola deputada Belén Cachafeiro, visita as parroquias de Santa María de Río e San Martiño de Asperelo, onde se renovará a capa de rodaxe, se construirán dúas sendas peonís e se renovarán os servizos ao paso da EP-6201 e da EP-6202
A Deputación leva impulsado iniciativas en materia viaria por valor de 800.000 euros en dous anos de mandato, así como 2,5 millóns de euros a través das distintas edicións dos plans +Provincia, Plan Extra e Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia un investimento de máis de medio millón de euros para a mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil en dúas estradas de titularidade provincial ao seu paso por Rodeiro. Dúas actuacións coas que o goberno de Luis López atende unha histórica demanda veciñal ao renovar o firme e implantar itinerarios peonís en dous treitos da EP-6201, entre Rodeiro e Santa María de Río; e da EP-6202, en San Martiño de Asperelo. Trátase dun proxecto que é desde hai anos obxecto dunha reclamación veciñal e que agora a Deputación atende. “Era un perigo e lle imos poñer solución”, asegurou o dirixente nunha visita a estas dúas parroquias na que estivo acompañado pola deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro.
Os proxectos teñen un prazo de execución de seis meses e dispoñen dun orzamento de 523.500 euros que financiará a Deputación na súa totalidade. Na EP-6201, entre os núcleos de Rodeiro e Santa María de Río, o proxecto contempla a renovación da capa de rodaxe nun treito de 2,3 quilómetros, así como a construción dunha senda peonil de 160 metros de lonxitude que se completará coa implantación de pasos de peóns, redutores de velocidade, cunetas de seguridade transitables e a renovación da rede de recollida de pluviais. Por outro lado, na EP-6202, en San Martiño de Asperelo, renovarase o firme nun treito de 320 metros e construirase unha senda peonil dunha lonxitude de 160 metros, ademais da implantación de redutores de velocidade, cunetas de seguridade, a construción dun muro de contención e a renovación da rede de pluviais.
Unha intervención que implanta nestas estradas o máximos estándares de seguridade, comodidade e estética que a Deputación promove nos 1.600 quilómetros da rede viaria provincial, transcorran por ámbitos urbanos ou rurais, segundo afirmou López quen lembrou tamén o compromiso do goberno provincial coa mellora da seguridade viaria nos 1.600 quilómetros das estradas provinciais cunha suba do 50 %, ata os 40M€, para o servizo de Infraestruturas no orzamento da Deputación para o ano 2026.
A intervención nestas dúas estradas non é a única iniciativa impulsada polo organismo provincial en materia viaria no Concello de Rodeiro. No que vai de mandato, a Deputación ten mobilizados máis 800.000€ nunha decena de actuacións nas estradas que atravesan o concello e a través dos distintos Plans de Cooperación da Deputación están comprometidos un total de 1,2M€, unha cifra que ascende ata os 2,5M€ tendo en conta o global do mandato en proxectos impulsados pola Deputación como o das pistas de pádel, a renovación do alumeado público ou a contratación de traballadores.



