O presidente provincial salienta que Barro pode executar este investimento grazas á ampliación do orzamento do Plan Extra
A actuación mellorará a seguridade viaria nun dos enclaves máis visitados da provincia, polo que transcorre o Camiño Portugués
A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello de Barro a través dos plans de Cooperación é de preto de 1 millón de euros
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, para a mellora dos accesos ao parque da natureza da Ría Barosa. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López Diéguez e Fernández Abraldes selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financia o 100 % dun proxecto valorado en 432.000€, cunha achega de 367.200€ a través do Plan Extra e co aporte de 64.800€ para cubrir a parte correspondente do Concello a través do Plan +Provincia. “A Deputación financia o 100 % do proxecto. É o compromiso que temos cos concellos pequenos e medianos”, afirmou o dirixente, quen lembrou que o incremento do orzamento do Plan Extra, inédita nun plan extraordinario da Deputación ata o de agora, fixo posible o financiamento deste proxecto.
O acceso ao Parque da Natureza da Ría de Barosa realízase a través da N-550, un treito cunha alta densidade de tráfico a alta velocidade e que presenta problemas de seguridade para os visitantes e os peregrinos do Camiño Portugués. O obxectivo desta actuación é crear unha mobilidade segura para os peóns, cunhas obras que teñen como obxectivos a creación de itinerarios peonís e ciclables seguros, a mellora dos servizos da contorna a través dunha nova canalización de pluviais e unha nova rede de iluminación pública con tecnoloxía LED e o impulso da cohesión territorial na provincia coa posta en valor do Parque da Natureza da Ría de Barosa.
“Este enclave magnífico, que é unha referencia na provincia, un lugar paradísiaco, e un dos moitos recursos que temos na provincia que fan que veña xente e que é unha parada obrigada para todos os que facemos o Camiño; vai ter nun acceso seguro para peóns e bicicletas e tamén para os vehículos”, explicou o mandatario provincial. Pola súa banda, o rexedor de Barro sinalou que “grazas ao financiamento da Deputación podemos executar a mellora da seguridade, que é unha das cousas que máis nos preocupaban. Son actuacións que levamos tempo esperando executar e este tipo de axudas soluciónanos esa carencia económica porque coas arcas municipais sería imposible de executar”.
A colaboración da Deputación co Concello de Barro non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial preto dun millón de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.