O presidente provincial salienta a combinación dos fondos do Plan Extra e o +Provincia para executar un proxecto estratéxico e transformador valorado en 792.000€
A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello de Cambados a través dos plans de Cooperación supera os 1,8 millóns de euros
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcalde de Cambados, Samuel Lago, para a reforma e posta en valor do Pazo Torrado e os seus xardíns. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Lago selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financia a totalidade dos 792.000 euros dos que está valorada a obra cunha achega de 594.000€ a través do Plan Extra e co aporte de 198.000€ para cubrir a parte correspondente do Concello a través do Plan +Provincia. Un apoio que, segundo sinalou o mandatario provincial, permitirá recuperar para a veciñanza un espazo de alto valor patrimonial localizado no corazón da vila.
O pazo Torrado está situado no núcleo de Fefiñáns e consta de varios edificios: o pazo, o xardín con hórreo, pombal e construción anexa; a finca, con xardín, praza e parque infantil; e un módulo de aseos e anexo cuberto. O proxecto ten por obxecto a rehabilitación de todas as edificacións, xardíns, anexo e peches da finca. Actualmente a funcionalidade do edificio esta moi prexudicada polas deficiencias e o mal estado de conservación, polo que é precisa unha renovación completa do espazo xunto coa renovación dos servizos de toda a parcela. Deste xeito, no pazo efectuarase a renovación total da carpintería exterior e tarimas, a mellora da envolvente térmica, a renovación e illamento da cuberta; a revisión estrutural, adotación de instalacións axeitadas e a renovación completa da iluminación. No xardín realizaranse actuacións sobre o sistema de iluminación, e de conservación no hórreo, no pombal, nos alpendres e nos anexos, así como a revitalización das especies vexetais. Mentres que a renovación dos aseos do parque inclúe os acabados carpinteira, o pìntado e tamén a substitución parcial do muro perimetral.
A colaboración da Deputación co Concello de Cambados non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis arredor de 1,8M€ a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.