HomePontevedraBaixo MiñoLuis López asina co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o convenio co...

Luis López asina co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o convenio co que a Deputación financia os 950.000€ da humanización da Rúa Coruña

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial salienta a combinación dos recursos do Plan Extra e do +Provincia para levar a cabo proxectos estratéxicos que melloran os espazo urbano

A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello de Salceda de Caselas a través dos plans de Cooperación é de máis de 2 millóns de euros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración coa alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, para executar a reforma urbana da Rúa Coruña. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Cabaleiro selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financia o 100 % dun proxecto valorado en 950.000€, cunha achega de 712.400€ a través do Plan Extra e co aporte de 237.500€ para cubrir a parte correspondente do Concello a través do Plan +Provincia. Unha mostra, segundo indicou o presidente, dos froitos da combinación dos recursos de dous programas de cooperación impulsados polo organismo provincial para cooperar cos concellos na execución de proxectos estratéxicos para mellorar os espazos urbanos.

O proxecto consiste na humanización da rúa Coruña a través dunha reforma total coa implantación dunha plataforma única accesible e de prioridade peonil, así como a recuperación de elementos protexidos, como son o Peto de Ánimas, o cruceiro e a remodelación das escaleiras que ascenden á rúa Foxo. Do mesmo xeito actualizaranse as sinalizacións verticais e horizontais, a iluminación e a ampliación de zonas verdes. Tamén se renovarán elementos como o mobiliario urbano, as instalacións, as pavimentacións e levarase a cabo o soterramento das redes eléctricas e a renovación de pluviais.

A colaboración da Deputación co Concello de Tui non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis de 2,05 millóns de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

Publicacións Relacionadas