O presidente da Deputación destacou que o goberno provincial achega 700.000 euros para a financiación dun proxecto ambiental e social estratéxico para Valga
A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello a través dos plans de Cooperación +Provincia, PEID e Plan Extra ascende a 1,4M€
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este luns o convenio de colaboración co alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, para o financiamento do proxecto de acondicionamento e renaturalización da Lagoa de Porto Piñeiro. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Bello Maneiro selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 700.000€ a un proxecto valorado en 902.000€, dos cales o Concello de Valga financiará os 202.000€ restantes.
“Trátase dun proxecto importante para Valga e a provincia, que vai converter o Concello nun referente desde o punto de vista medio ambiental e social”, afirmou o mandatario provincial, quen deu os parabéns ao rexedor pola presentación dun proxecto ambicioso que grazas á colaboración de administracións coma a Deputación vaise facer realidade.
O proxecto ten como obxectivo converter a Lagoa de Porto Piñeiro, formada pola acumulación de augas subterráneas e pluviais nunha antiga mina a ceo aberto, nun espazo de referencia ambiental e social. A actuación contempla a creación dunha terraza para reducir pendentes e mellorar a estabilidade, a instalación de sistemas de drenaxe para evitar deslizamentos futuros, a mellora dos accesos e a integración de servizos urbanos, sempre respectando e potenciando a natureza do entorno. Trátase dunha nova mostra da colaboración entre a Deputación e o Concello para a mellora ambiental desta contorna, que xa se deu a través do programa PON2030 para a construción dunha senda arredor da lagoa que supuxo a mobilización de 615.000€.
A colaboración da Deputación co Concello de Valga non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial un total de 1,4M€ a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.