HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López asina co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, unha...

Luis López asina co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, unha achega de 900.000€ da Deputación para o centro de talasoterapia no Terrón

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial, acompañado polo deputado e concelleiro Javier Tourís,  salienta a colaboración entre as dúas administracións para executar proxectos estratéxicos que amplían as infraestruturas públicas

A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello de Vilanova de Arousa a través dos plans de cooperación é de 1,64 millóns de euros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de asinar o convenio de colaboración co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, para a mellora da área deportiva do Talaso de Terrón a través da construción dun edificio que funcionará como centro de Talasoterapia. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Durán selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 900.000 euros para financiar unha obra valorada en máis de 1,8 millóns de euros. Segundo sinalou o mandatario provincial, que estivo acompañado polo deputado e concelleiro, Javier Tourís, este apoio ademais de mellorar os servizos prestados á veciñanza de Vilanova de Arousa, tamén contribúe “a desestacionalizar e a fomentar un turismo de calidade no conxunto da provincia de Pontevedra”.

O proxecto deseña un espazo que agrupa, nunha zona de equipamentos deportivos, a creación dun centro de talasoterapia e unha instalación deportiva anexa. A obra contempla a execución dunha edificación de tres plantas, que estará dotada cun vaso de recreo e con outro de chapoteo, así como unha sala multiusos, unha zona de vestiarios e unha zona de recepción. Trátase dunha iniciativa estratéxica e un proxecto complexo, para o que o Concello arousá botará man doutros plans de Cooperación do organismo provincial.

“Hoxe é un día importante porque asinamos un convenio para un proxecto estratéxico para Vilanova de Arousa e para a provincia de Pontevedra: o centro de talasoterapia do Terrón, unha instalación pública de primeiro nivel”, remarcou o presidente Luis López. Pola súa banda, o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, subliñou que “despois de 20 anos por fin, grazas ao apoio da Deputación temos garantida a viabilidade deste proxecto que ascende a cinco millóns de euros en total e nos permitirá impulsar unhas instalacións moi demandadas pola veciñanza da nosa vila que serán o primeiro centro de talasoterapia público da provincia”.

A colaboración da Deputación co Concello de Vilanova de Arousa non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial arredor de 1,64M€ a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

Publicacións Relacionadas