O presidente provincial sinala a importancia da colaboración da Deputación para executar proxectos estratéxicos e transformadores que melloran a imaxe e os servizos da vila, así como a calidade de vida da veciñanza
A achega prevista para este ano do organismo provincial en Pontecesures a través dos plans de Cooperación como o +Provincia e o PEID ascende a 890.000 euros
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcaldesa de Pontecesures María Teresa Tocino, para o financiamento do proxecto de reordenación do inicio da rúa Carlos Maside. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Tocino selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega o 100% do orzamento, 436.400 euros, dos cales 371.000 euros proceden dos fondos do Plan Extra e 65.500 euros, dos recursos do Plan +Provincia. “É unha mellora importante dunha rúa céntrica do casco urbano e faise en base ao Plan Extra, que chega aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e obtivo recursos récord na Deputación, 38M€, para que ningún concello quedara fóra”, explicou o mandatario provincial despois de asinar o convenio.
O proxecto ten unha dobre funcionalidade. Por un lado, busca rexenerar un tecido urbano altamente deteriorado polo paso do tempo e os novos usos e formas contemporáneas. Por outro, adaptar o soporte físico para reforzar o espazo como centro neurálxico para a veciñanza. A intervención servirá para a reurbanización do comezo da Rúa Carlos Maside nos ámbitos máis próximos á Rúa San Lois e ao paso do ferrocarril e da súa contorna. No proxecto proponse a peonalización do treito comprendido entre a fachada da antiga fábrica de Gaseosas Zabala ate o entronque co paso inferior do ferrocarril. Mentres que no resto do viario converterase nunha plataforma única de preferencia peonil compartida cos vehículos.
A colaboración da Deputación co Concello de Pontecesures non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis de 890.000 euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. “Unha mostra evidente de que somos un goberno municipalista, poñemos a disposición dos concellos máis recursos ca nunca”, concluíu o presidente.