O mandatario provincial destaca os resultados da conxugación dos recursos do Plan Extra e o +Provincia para sufragar o 100 % do custo deste proxecto ambicioso e transformador
A colaboración prevista para este ano da Deputación con este concello dezano a través dos plans de Cooperación +Provincia, PEID e Plan Extra ascende a 1,05M€
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este luns o convenio de colaboración co alcalde de Dozón, Adolfo Campos, para o financiamento do proxecto de reurbanización e mellora da contorna do centro sociocultural, parque público e piscinas municipais. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Campos selaron un acordo a través do cal a Deputación achega o 100 % do orzamento, que ascende a 592.500€, dos que 500.000€ achéganse a través do devandito Plan Extra e os 92.500€ para cubrir a parte do Concello, a través dos fondos do +Provincia.
O proxecto ten como obxecto a reurbanización e mellora dun espazo público de titularidade municipal situado no núcleo do Castro e no que se localizan o centro sociocultural, un parque público e as piscinas municipais. A intervención consiste na mellora das condicións da urbanización en toda a parcela, a través da rectificación dos accesos e comunicacións interiores para mellorar a accesibilidade, a implantación dunha zona de aparcadoiro ordenada, a colocación de alumeado público eficiente e a mellora das zonas verdes.
A colaboración da Deputación co Concello de Dozón non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial un total de 1,05M€ a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.