O remate da colocación de novas butacas e novos marcadores motiva a visita do presidente Luis López e o deputado Javier Tourís a unha instalación na que o ente provincial colabora na reforma do pavillón e ampliación da piscina municipal
O presidente provincial adianta a concesión de 312.000 euros ao concello vilagarcián correspondentes ao reparto dos 8 millóns de euros do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas posto en marcha polo goberno provincial
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o investimento de 1,5 millóns de euros no complexo deportivo de Fontecarmoa, en Vilagarcía, a través dos distintos plans de apoio e cooperación cos concellos que o organismo provincial ten en marcha. Fíxoo nunha visita ao pavillón de Fontecarmoa para comprobar o remate da última intervención impulsada pola Deputación nesta instalación, que consistiu na instalación de novas butacas e dous videomarcadores. “Como municipalistas e amantes do deporte, para nós estas actuacións son moi importantes e resaltan o compromiso da Deputación co deporte e con Vilagarcía”, sinalou o mandatario provincial.
Acompañado polo deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, o presidente da Deputación explicou que no complexo deportivo de Fontecarmoa estase a realizar un investimento de 5,3 millóns de euros a través de distintos proxectos, dos que a Deputación achega 1,5 millóns. Entre estas actuacións, as máis recentes son a instalación de medio milleiro de butacas financiadas polo ente provincial a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas cunha achega de 7.800€, así como a colocación de dúas pantallas LED no mesmo pavillón a través do +Provincia por valor de 58.700 euros. Así mesmo, a Deputación tamén colaborou a través do Plan Concellos no acondicionamento interior desta instalación cunha achega de 425.000 euros a un ambicioso proxecto valorado en 2,1 millóns. Ademais, a través do programa PON2030 a Deputación achega un millón de euros para a ampliación das piscinas municipais de Fontecarmoa, unha obra valorada en tres millóns de euros.
“Son actuacións que se enmarcan nos plan que poñemos a disposición dos concellos, tamén a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, do que Vilagarcía é o concello da provincia que máis fondos recibe”, subliñou o presidente Luis López. Neste sentido, puntualizou que na primeira edición deste novidoso programa, a Deputación concedeu un total de 206.000 euros que serviron para renovar o céspede artificial do campo de fútbol de Berdón, instalar un novo videomarcador na Lomba e para as butacas de Fontecarmoa. Na segunda edición do plan, avanzou Luis López, Vilagarcía volverá ser o Concello máis beneficiado cunha achega de 312.000 euros para executar os proxectos que o goberno local considere.
O goberno provincial aprobou o pasado mes de outubro a segunda edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Un programa dotado con 8 millóns de euros, o dobre dos recursos mobilizados na primeira edición, destinados a concellos de menos de 50.000 habitantes, que recibirán como mínimo unha achega de 75.000 euros, unha suba de 55.000 euros con respecto á concesión mínima que lles correspondía no primeiro plan.
“Somos a provincia do deporte. Non só polos deportistas que temos, nin tampouco polos clubs, federacións ou a base que tanto aportan. Tamén o somos polas instalacións deportivas que temos e porque desde a Deputación estamos a inxectar fondos nos concellos para provocar unha transformación e modernización destas infraestruturas deportivas”, concluíu o presidente Luis López.