HomeVigoGondomarLuis López destaca a cooperación institucional para destinar 1,2 millóns de euros...

Luis López destaca a cooperación institucional para destinar 1,2 millóns de euros para a transformación da Alameda de Gondomar

- Anuncio -spot_img

O presidente da Deputación de Pontevedra recibiu este martes no seu despacho do Pazo provincial ao alcalde de Gondomar, Juan Francisco Ferreira, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no programa PON2030

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Gondomar, Juan Francisco Ferreira, asinaron este martes un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis de case 925.000 euros, o 77 % do orzamento, os traballos para a humanización da Alameda de Gondomar e da súa contorna. O Concello, pola súa banda, achega o 23 % do total (270.000 euros). O protocolo asinouse durante unha recepción do mandatario provincial ao rexedor deste Concello do Val Miñor ao Pazo provincial, durante o que López destacou o esforzo e cooperación de ambas as administracións para transformar espazos urbanos e mellorar os servizos prestados á veciñanza.

A obra, valorada en 1,2 millóns de euros, servirá para a renovación integral da Alameda e a súa contorna a través da eliminación do tráfico rodado na maior parte do ámbito, permitindo unicamente a circulación de residentes por unha soa rúa e cunha velocidade limitada a 10 quilómetros por hora. Ao mesmo tempo, acabarase co illamento ao que está sometida actualmente a Alameda mediante a eliminación da praza elevada e a creación dunha plataforma única que dea prioridade á mobilidade peonil e homoxeneice todo o espazo. Do mesmo xeito, o proxecto inclúe a implantación de novas áreas de descanso e xogo, novo mobiliario urbano, unha iluminación máis acaída e a adecuación das zonas axardinadas con novas especies vexetais.

A intervención transformará o espazo por completo ampliando a área dedicado aos peóns desde os 1.087 metros cadrados actuais aos máis de 2.376 metros cadrados que recolle o proxecto. O espazo reservado unicamente para o tráfico rodado caerá desde os 1.598 metros cadrados de agora a cero. Neste sentido, Luis López destacou que se trata dun avance na transformación integral dos espazos públicos, un avance no coidado do medio ambiente e un avance no municipalismo que rexe a acción de goberno da Deputación de Pontevedra.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Gondomar realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

Publicacións Relacionadas