O presidente provincial resaltou en Silleda o apoio de récord, 350.000€, ás cooperativas agrogandeiras e a colaboración con feiras como a Semana Verde
A Deputación ten a disposición dos profesionais do sector centros de investigación de prestixio internacional como a Finca Mouriscade ou a Estación Fitopatolóxica do Areeiro
“É unha semana para coñecer e recoñecer o peso dun dos motores máis tradicionais e potentes da economía e da identidade da provincia”, dixo López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta o medio rural como un motor de “emprego e emprendemento, sustentabilidade e coidado do medio natural e de vida e futuro para o noso territorio” na inauguración da cuadraxésima corenta e sete edición da feira Semana Verde de Galicia, que se celebra en Silleda ata o 8 de xuño. Un sector fundamental para a provincia polo que o dirixente provincial xustifica o amplo paquete de programas de apoio que a Deputación destina a este “motor”, co plan de axudas a cooperativas agrogandeiras como o estandarte da aposta para impulsar unha gandería e agricultura sustentable, moderna e con futuro.
A Semana Verde de Galicia é unha feira multisectorial de impacto internacional, con máis de 700 expositores de distintos países, que reúne empresas e profesionais de diferentes sectores como a agricultura, gandería, alimentación, turismo, caza e pesca. Trátase dun punto de encontro para profesionais e público en xeral, onde se poden coñecer as últimas novidades do sector, realizar negocios e desfrutar de diversas actividades de lecer. “É unha semana para coñecer e recoñecer o peso dun dos motores máis tradicionais e potentes da economía e da identidade non só da provincia de Pontevedra, senón do conxunto de Galicia”, incidiu lópez.
Na súa intervención na inauguración do evento, o presidente da Deputación agradeceu o papel de todas as administracións públicas implicadas na Semana Verde, o labor dos traballadores do medio rural, a cooperación de empresas, cooperativas e colectivos do sector e a todos os participantes nesta feira por contribuir ao mantemento e crecemento dun sector vital para a provincia. Neste punto, tamén destacou a achega da Deputación, que é froito da escoita activa ao sector por parte do goberno provincial e se traducen en iniciativas como o convenio de colaboración coa Semana Verde de Galicia, por valor de 150.000€; ou incremento en 100.000€ do orzamento da liña de axudas a cooperativas agrogandeiras, que este ano 2025 acada a cifra récord de 350.000€ para modernizar instalacións e sistemas de produción para que o sector primario pontevedrés “siga sendo unha referencia”; así como a posta a disposición do sector de dous centros de investigación de prestixio internacional como Finca Mouriscade e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro ou a asistencia aos profesionais que se presta desde o viveiro de empresas de Lalín ou co programa SmartPeme.
“Insistimos no noso agradecemento e parabéns a todos os integrantes dun sector do que estamos profundamente orgullosos, reafirmamos o noso compromiso co medio rural como fonte de emprego e desenvolvemento económico, así como un recurso vital para afrontar o reto demográfico; e convidamos a todos os profesionais do medio rural, veciños e visitantes a que se acheguen a esta Semana Verde para descubrir os segredos dun sector con tanto pasado coma futuro, tan tradicional como innovador e tan global como noso”, concluíu o presidente Luis López.