O presidente provincial demanda que na vindeira semana se envíe a documentación preceptiva para avanzar na tramitación das obras logo de cinco meses de bloqueo
“Outros concellos resolven este paso en cuestión de días. Esta institución ten a obriga de mirar por todos os concellos e non imos permitir que se perda máis tempo”, sinalou o mandatario provincial tras cinco meses de bloqueo
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosou a súa satisfacción pola aprobación que tivo lugar o pasado mércores nun pleno extraordinario da corporación do Concello de Pazos de Borbén do convenio para a mellora da estrada EP-2702 entre Amoedo e Os Valos, despois de máis de cinco meses de espera. Co convenio por fin aprobado, para cuxa execución o organismo provincial ten reservado preto dun millón de euros, o presidente urxe ao rexedor a enviar os informes preceptivos “o máis axiña posible” para poder comezar as obras canto antes.
O convenio enviado pola Deputación ao Concello o pasado 24 de abril para a súa sinatura contempla o investimento de 960.000 euros por parte do ente provincial para a mellora da seguridade viaria nun treito de 1,5 quilómetros da EP-2702 entre Amoedo e Os Valos.
“Os veciños de Pazos de Borbén levan cinco meses escoitando pretextos sen fundamento ante un trámite que outros concellos resolven en cuestión de días. De non ser por este bloqueo do Concello as máquinas xa estarían traballando”, contextualizou Luis López, despois de explicar dous pasos adiante que deu a tramitación da obra esta mesma semana. Por un lado, un encontro entre a Deputación e a plataforma veciñal na que quedaron resoltas todas as dúbidas e, por outro, a aprobación do convenio por unanimidade nun pleno extraordinario da corporación de Pazos de Borbén. “Máis non podemos facer desde a Deputación, está en mans do Concello”, afirmou López.
A menos de tres meses para o remate do exercicio, desde a Deputación urxen ao Concello a cumprir os trámites para poder adxudicar o investimento a tempo, en caso contrario os fondos terían que ser destinados a outros proxectos. “Esta institución ten a obriga de mirar por todos os concellos e non imos permitir que se perda máis tempo”, sinalou Luis López, quen confía en recibir ao longo da vindeira semana os documentos que faltan para “comezar esta obra necesaria o máis axiña posible”.