“Coidar a natureza significa garantir tamén o noso futuro e, vendo os traballos que desenvolvestes, podemos afirmar con seguridade que, con vós, estamos e estaremos en moi boas mans”, subliñou o presidente
Teresa Domínguez, do CEIP Covas de Meaño, Mª Laura Guerrero, do CEIP A Florida de Sanxenxo e Rodrigo Otero, do CEIP Viñagrande de Vilanova de Arousa foron os gañadores do certame
presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto co deputado de Medio Ambiente e Mar, Marcos Guisasola, acaba de facer entrega dos premios do proxecto +Rías a escolares de Meaño, Sanxenxo e Vilanova de Arousa por traballos centrados na biodiversidade e no medio ambiente. “Coidar a natureza –subliñou o presidente- significa garantir tamén o noso futuro e, vendo os traballos que desenvolvestes, podemos afirmar con seguridade que, con vós, estamos e estaremos en moi boas mans”.
Os gañadores do certame de debuxo posto en marcha no marco do proxecto europeo +Rías, que busca sensibilizar sobre a biodiversidade e a xestión pesqueira sostible das Rías Baixas, foron Teresa Domínguez, do CEIP Covas de Meaño; Mª Laura Guerrero, do CEIP A Florida de Sanxenxo; e Rodrigo Otero, do CEIP Viñagrande de Vilanova de Arousa. “Non foi fácil para o xurado, porque a calidade técnica dos debuxos presentados era enorme” asegurou o presidente quen tamén felicitou ás familias e ao profesorado “porque sen eles, sen a súa implicación e compromiso co coidado da natureza, o acto de hoxe sería imposible e vós non estariades aquí recollendo estes premios”.
O proxecto +Rías está promovido pola Deputación de Pontevedra e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Con iniciativas como esta, a Deputación reafirma o seu compromiso coa educación ambiental e a protección do medio mariño, fomentando entre as novas xeracións o respecto e a responsabilidade cara ao patrimonio natural da provincia.