A Comisión Organizadora proclama a Luis López candidato único a presidir o PP de Pontevedra, cuxo congreso se celebrará o sábado 9 de xullo na cidade de Vigo.
O presidente da Comisión Organizadora do Congreso, Alberto Pazos, confirma que López cumpriu con todos os requisitos esixidos, ao superar os 75 apoios requiridos como mínimo para optar á presidencia do partido.
A partir deste momento, e segundo o cronograma do congreso, ábrese un período de campaña interna para que o candidato poida expoñer aos afiliados do partido o seu proxecto e presentar a súa candidatura. Esta campaña desenvolverase ata o 29 de xuño, e comezará mañá mércores no Condado-Paradanta.
Pazos subliña que a comisión organizadora continúa o seu traballo para garantir “absoluta normalidade, unidade e estabilidade” e que a cita de Vigo “sexa un éxito da militancia da nosa provincia”. Sinala que “a militancia está ilusionada e consciente do reto importante que temos por diante, reforzar e preparar ás xuntas locais do partido na provincia para afrontar as eleccións municipais do ano próximo, e garantir gobernos estables nos concellos”.
No 19 Congreso do PP de Pontevedra participarán un total de 690 compromisarios, dos que 552 son electos -17 deles integrantes de NNXX- e 138 son natos, entre os que se inclúen os membros da Xunta Directiva provincial e os integrantes da COC.
Ata o venres, 24 de xuño continúa aberto o prazo para que os afiliados poidan anotarse como compromisarios. É necesario estar previamente anotado como participante no congreso e estar ao día no pago das cotas. O formulario está dispoñible en formato físico nas sedes do Partido Popular e en versión electrónica na páxina web do PP da provincia de Pontevedra.
Xunto a Alberto Pazos, forman a Comisión Organizadora do Congreso Ana Cristina Pérez como vicepresidenta; Marta Mariño como secretaria e os vogais Silvia Junco e Juan Andrés Bayón. Esta comisión é a encargada de coordinar, impulsar e dirixir todos os aspectos organizativos do congreso ata a súa celebración, momento no que asumirá estas competencias a mesa do congreso.