O mandatario provincial reafirma na inauguración da terceira edición desta cita que se celebra en Castrelo o compromiso coas cooperativas vitivinícolas, ás que a Deputación puxo este ano á súa disposición unha liña de axudas dotadas con 350.000 euros
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de participar este venres na inauguración da terceira edición da Mostra dos Viños do Mar, que se celebra na localidade cambadesa de Castrelo, que o mandatario provincial ve como unha oportunidade para seguir consolidando o enoturismo como un dos grandes atractivos dun destino turístico descentralizado, desestacionalizado e sustentable como son as Rías Baixas. “Se somos un destino que non para de medrar, que cada ano son máis os visitantes chegados de países de todo o mundo, é grazas aos incontables atractivos que ofrecen as Rías Baixas, que ten no enoturismo un dos seus maiores potenciais”, salientou López.
Promovida pola Asociación Cultural Aires Novos, a Mostra dos Viños do Mar acada a súa terceira edición co obxectivo de promocionar os viños das Rías Baixas. A feira ofrece aos produtores locais a oportunidade de presentar as súas elaboracións e aos asistentes, a de degustalas; cunha programación que inclúe tamén actividades culturais, gastronómicas e musicais, ademais de catas de viños singulares a bordo dun catamarán pola ría de Arousa, cunha ruta enoturística de 6,5 quilómetros pola comarca ou a degustación de ata 60 marcas na carpa instalada na contorna da igrexa parrroquial de Santa Cruz de Castrelo, en Cambados.
“O enoturismo é un sector fundamental para a actividade económica e o emprego, para o turismo e porque leva o nome das Rías Baixas por todo o mundo”, enumerou o mandatario provincial, quen reafirmou o compromiso da Deputación cos produtores da provincia a través dunha liña de axudas para cooperativas agrogandeiras dotada con 350.00 euros, un apoio sen precedentes na historia do organismo provincial do que se poden beneficiar as cooperativas vitivinícolas das Rías Baixas.



