HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López remarca o crecente apoio da Deputación aos seis principais festivais...

Luis López remarca o crecente apoio da Deputación aos seis principais festivais audiovisuais da provincia que en dous anos medrou en 20.000€, ata acadar os 170.000€

- Anuncio -spot_img

O mandatario provincial, acompañado polo deputado Jorge Cubela, destaca a contribución destes seis festivais patrocinados pola Deputación para avanzar na desestacionalización e descentralización dun destino turístico ligado á cultura

“Os festivais do Rías Baixas Film Fest son ingredientes imprescindibles que fan da provincia un destino aínda máis exquisito”, sostén López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarca a aposta do organismo provincial polos festivais audiovisuais englobados na marca Rías Baixas Film Fest, “ingredientes imprescindibles que fan da provincia un destino aínda máis exquisito”, cun apoio á organización destes seis festivais que en dous anos o goberno provincial incrementou en 20.000€, ata os 170.000€. Acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela; e representantes dos seis festivais dos Rías Baixas Film Fest, o presidente presentou uns eventos que contribúen a consolidar á provincia como un destino turístico ligado á cultura, desestacionalizado e descentralizado.

No salón de plenos do Pazo provincial tivo lugar este mércores a presentación dos seis festivais audiovisuais patrocinados pola Deputación a través da marca Rías Baixas Film Fest e beneficiarios dunha liña de subvencións dotada cun orzamento de 170.000€, unha suba de 5.000€ con respecto á convocatoria do 2024 e de 20.000€ con respecto á do 2023. Os festivais beneficiarios para esta edición do 2025 son a 18ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FIC Bueu), a 10ª edición do festival internacional Novos Cinemas de Pontevedra, a 22ª edición do Festival de Cans, a 21ª edición do festival internacional Play-Doc de Tui, a 53ª edición do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía e a 9ª edición do Galician Freaky Film de Vigo.

“Son seis propostas únicas que nos consolidan coma un paraíso natural ligado á cultura, seis festivais que se realizan ao longo de todo o ano para encher de máis atractivos a oferta dun destino que ofrece experiencias únicas os 365 días do ano e seis eventos de interese internacional que afonda na nosa estratexia para descentralizar e repartir por toda a provincia eventos de interese xeral”, explicou o presidente Luis López, quen fixo fincapé na estratexia da Deputación de descentralizar os grandes eventos por toda a cultura poñendo a celebración da gala de entrega dos Premios Mestre Mateo en Lalín, por primeira vez na historia nun concello do rural galego.

O apoio da Deputación ao sector audiovisual da provincia non se limita unicamente á subvención dos festivais de cinema da marca Rías Baixas Film Fest. A través do programa Rías Baixas Acción, o goberno provincial promove a consolidación da provincia como escenario para rodaxes; e coa entrega dos premios Mulleres no Foco, dá visibilidade ao papel da muller no sector audiovisual. “Son seis festivais comprometidos co mellor cinema internacional e tamén co desenvolvemento do sector galego, que tanta relevancia e recoñecemento está a acadar especialmente nos últimos anos”, puntualizou o deputado de Cultura, Jorge Cubela.

Unha “alianza” que contribúe a divulgar a riqueza natural e cultural da provincia, a atraer visitantes de todo o mundo que descobren as Rías Baixas grazas a estes festivais de cinema e a construír unha provincia máis cohesionada na que toda a poboación, “viva no concello que viva”, ten acceso a unha programación cultural de primeira, subliñou o presidente Luis López, que agradeceu o labor dos organizadores dos festivais, reiterou o apoio da Deputación e convidou a toda a veciñanza de dentro e fóra das fronteiras da provincia a visitar as Rías Baixas para asistir a estes seis festivais.

Unha estratexia na que a alianza entre a Deputación e o audiovisual está a ser decisiva, como se demostrou en Lalín coa entrega dos Mestre Mateo por primeira vez unha contorna rural

Publicacións Relacionadas