HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López ve no Rondalla Fest de Mos unha valiosa ferramenta para...

Luis López ve no Rondalla Fest de Mos unha valiosa ferramenta para seguir apoiando o movemento veciñal e diversificando a actividade cultural e turística na provincia

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial participa, xunto coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; na presentación do certame de rondallas que se celebrará neste concello en decembro

“As rondallas son unha das citas máis agardadas do ano e unha celebración que mobiliza milleiros de persoas e que alonga as nosas raíces con esta terra”, sostén López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de participar este sábado na presentación do Rondalla Fest, un certame de rondallas que se celebrará entre o 11 e o 14 de decembro en Mos. Un evento que, segundo subliñou o dirixente provincial, supón unha valiosa ferramenta para  o apoio do movemento veciñal e cultural da provincia, así como para a diversificación da actividade musical e turística na provincia. “Na Deputación entendemos as Rondallas como un acontecemento fundamental que nos axuda a avanzar cara moitas das nosas metas como provincia”, afirmou o dirixente, que estivo acompañado na presentación do evento pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto con representantes destas agrupacións de música tradicional das distintas parroquias do concello.

“Coas Rondallas apoiamos á nosa veciñanza e dotamos de actividade aos locais dos colectivos veciñais e culturais para seguir facendo fronte ao reto demográfico, levamos actos culturais de calidade e interese a distintos lugares da provincia, impulsamos un dos grandes atractivos das Rías Baixas para reforzar o noso destino turístico descentralizado, desestacionalizado e ligado á cultura e ao territorio; e contribuímos a potenciar a imaxe internacional das Rías Baixas, este ano tamén a través da gran pantalla coa estrea de ‘Rondallas’, o filme de Daniel Sánchez Arévalo, que nos permitirá amosar ao mundo a nosa gran riqueza natural e cultural”, enumerou o presidente para poñer en valor a transcedencia desta forma de expresión artística e tradicional que conta co apoio da Deputación.

O Rondalla Fest celebrarase o vindeiro mes de decembro cun programa cheo de actos de diversa índole entre os días 11 e 12 de decembro. O certame inaugurarase o xoves 11 coa prestrea da película “Rondallas” en Vigo. Ao día seguinte terá lugar a inauguración da exposición das rondallas con traxes, instrumentos e imaxes destas agrupacións. Para o sábado está previsto un coloquio sobre a película no auditorio de Mos e, pola tarde, a inauguración do certame coas actuacións da rondalla anfitrioa. O domingo será o día grande do evento coa actuación de rondallas de toda a provincia no exterior do Pazo de Mos.

“As rondallas son unha das citas máis agardadas do ano, unha celebración que mobiliza milleiros de persoas nesta área de Vigo e unha festa que edición tras edición alonga as nosas raíces con esta terra”, concluíu o presidente, quen deu os parabéns a todas as agrupacións que fan posible cada ano estes certames e convidou a toda a veciñanza e aos visitantes das Rías Baixas a desfrutar deste evento.

Publicacións Relacionadas