• A ex alcaldesa e actual directora-xerente do Seaga e secretaria xeral do PP Provincial de Pontevedra súmase á lista neste posto tan destacado “porque mo pediu o candidato, que cre que teño moito que aportar, polo que lle agradezo a súa xenerosidade, e porque sempre estou disposta a traballar por Moraña e polos veciños”.
• Sito Gómez explica que en Moraña “afrontamos unha nova etapa de continuidade e evolución, pero hai que aproveitar o moito bo destes doce anos e, sen dúbida, Luisa é unha magnífica política, é querida e recoñecida por todos os morañeses e ten moitísima experiencia, polo que estou seguro de que será unha grandísima tenente de alcalde dentro dun goberno potente”.
Luisa Piñeiro Arcos, ex alcaldesa de Moraña e actual directora-xerente da empresa pública Seaga e secretaria xeral do PP Provincial de Pontevedra, vai concorrer de número 2 na candidatura do PP de Moraña para as eleccións municipais do 28 de maio liderada polo presidente do Moraña CF, Sito Gómez.
O candidato popular deu a coñecer á súa primeira compañeira de lista nun encontro que tivo lugar esta mañá na Carballeira de Santa Xusta e agradeceu a súa “xenerosidade, compromiso e implicación” por formar parte da candidatura “malia as súas enormes obrigas profesionais no Seaga, o seu inxente labor como número 2 do PP na provincia e a súa propia vida persoal”.
Luis Piñeiro, que foi a rexedora de Moraña durante nove anos e medio tras rexistrar tres vitorias electorais nas municipais de 2011, 2015 e 2019 –as dúas últimas por maioría absoluta–, explicou que a decisión foi “bastante sinxela porque eu nunca lle dixen que non nin a Moraña nin ao PP, xa que se trata de dúas cuestións que forman parte da miña vida e para as que sempre teño tempo”.
“Sito, o noso candidato, pediume directamente que ocupara este posto tan destacado e importante da lista, algo que para min é unha honra, porque me dixo que teño moito que aportar no futuro de Moraña e eu quero agradecerlle a xenerosidade de que pensara en min. E con esta petición tan sincera e o absoluto apoio que teño sempre da miña familia, era moi fácil dicir que si porque sempre estou disposta a traballar por Moraña e polos nosos veciños”, manifestou Luisa Piñeiro.
Sito Gómez, que reiterou a súa ilusión polo proxecto do PP de Moraña e ten practicamente perfiladas a candidatura completa e o seu programa electoral, deixou
claro que no concello e no Partido Popular “afrontamos unha nova etapa, con renovación, pero que vai misturar continuidade e evolución e, nese escenario, temos
que ser intelixentes para aproveitar o moito bo destes doce anos de gobernos do PP
con Luisa Piñeiro e José Cela”.
Ademais, revelou os motivos que a levaron a elixir a Luisa Piñeiro como número 2 da súa candidatura e amosou o seu agradecemento de que aceptara a proposta de
inmediato: “Luisa é unha magnífica política, é querida e recoñecida por todos os morañeses, e aos seus resultados electorais me remito, e ten moitísima experiencia e capacidade de xestión. É indubidablemente a mellor e eu quero contar cos mellores para atender o mellor posible aos veciños e a ninguén se lle escapa que vai ser unha grandísima tenente de alcalde dentro dun goberno potente”.



