A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este martes na presentación da III Andaina do Maúxo Contra o Cancro que organiza a Asociación Española Contra o Cancro en Vigo o próximo 15 de xuño en Coruxo con saída desde a capela de San Sebastián de Fragoselo. A vicepresidenta lembrou que “esta andaina ten por obxectivo dotar de fondos suficientes a investigación para avanzar na prevención, atopar unha cura e facer realidade o obxectivo de chegar a unha taxa de supervivencia do 70% para 2030”.
Por ese motivo animou os vigueses e os pontevedreses a colaborar nas distintas modalidades, cos mil dorsais ou o apoio sen participación na andaina, e agradeceu “a implicación” tanto da cidadanía como da AECC en Vigo polo seu “labor de sensibilización ao longo de todo o ano sobre a importancia de apoiar os enfermos de cancro e as súas familias, que tamén sofren moito acompañándoos e coidándoos”.