- A vicepresidenta da Deputación censurou a “parálise incomprensible” que sofren as dotacións económicas por mor do rexeitamento do alcalde, Abel Caballero.
- Luisa Sánchez, reiterou o compromiso inquebrantable da Deputación coa cidade de Vigo, e confirmou que a folla de ruta do mandato contempla dar continuidade a este volume de investimento histórico
- “O problema de Abel Caballero non é que a Deputación invista en Vigo, o problema real é que se saiba”, indicou Luisa Sánchez, quen recomenda ao rexedor que abandone a confrontación permanente e que “o seu ego non lle saia caro a Vigo”.
O Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra presentará no vindeiro pleno unha moción para instar ao concello de Vigo ao desbloqueo dos convenios pendentes de asinar do ano 2026 que suman 5 millóns de euros, e insta ao concello a que a abandone a estratexia de confrontación permanente e traballe de xeito coordinado e leal coa Deputación de Pontevedra en beneficio da cidade.
A vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, censurou a “parálise incomprensible” que sofren as dotacións económicas por mor do rexeitamento do alcalde, Abel Caballero, a admitir o cofinanciamento da administración provincial nas obras locais.
A moción presentada detalla as contías das actuacións bloqueadas polo goberno vigués, entre as que destacan o convenio para a humanización da rúa Rosalía de Castro, dotado con 1,7 millóns de euros e remitido ao concello en xuño, así como a reforma integral da rúa Doutor Carracido, por un importe de 2,1 millóns e enviada en agosto. A maiores, os populares critican que o Concello manteña en suspenso outros 1,2 millóns de euros pola súa negativa a concretar os novos proxectos aos que quere destinar o diñeiro
“O problema de Abel Caballero non é que a Deputación invista en Vigo, o problema real é que se saiba”, indicou Luisa Sánchez, quen recomenda ao rexedor que abandone a confrontación permanente e que “o seu ego non lle saia caro a Vigo”, poñendo como exemplo de lealdade institucional ao Concello de Pontevedra, cuxo goberno xa asinou convenios idénticos para beneficio directo dos seus veciños.
A representante do goberno provincial na cidade, Luisa Sánchez, reiterou o compromiso inquebrantable da Deputación de Pontevedra coa cidade de Vigo, e confirmou que a folla de ruta do mandato contempla dar continuidade a este volume de investimento histórico coa reserva de 5 millóns de euros adicionais que estarán dispoñibles para novos convenios a partir do vindeiro 1 de xaneiro de 2027.

