O Concello de Vilaboa inicia a licitación do proxecto gañador do Concurso de Ideas d0 2022, cun núcleo de centralidade entre o CRA e a igrexa
O pleno extraordinario celebrado esta semana deu luz verde ao inicio da licitación da humanización do contorno do Concello de Vilaboa mediante o procedemento aberto simplificado, así como ao prego das cláusulas administrativas que se publicarán no perfil do contratante.
Esta actuación, que terá un coste de 987.600 euros financiados con cargo ao Plan Extra da Deputación e a parte que corresponde ao Concello do Plan +Provincia, ten como obxectivo dotar a Vilaboa dun núcleo de centralidade do que carece neste momento na zona do Toural, creando un ámbito uniforme no espazo que vai desde a contorna da igrexa e o centro de saúde ata a sede do CRA, transformado tamén a actual praza situada diante do Concello.
A actuación que se executará foi a gañadora do Concurso de Ideas convocado polo Concello no ano 2022 e na que un xurado, integrado por técnicos e representantes de todos os grupos políticos con representación na Corporación, escolleron o deseño máis acorde coas necesidades da veciñanza.
Cunha pavimentación uniforme en todo o ámbito, vexetación axeitada, remodelación do tráfico con zonas de aparcamento disuasorio e propiciando o uso peonil, esta ambiciosa actuación busca crear o grao de urbanización esperable dunha capitalidade do municipio, transformando toda a zona nunha praza de referencia e sobre todo de punto de encontro de poboación de todas as idades.
Esta actuación urbanística, que porá en valor elementos singulares do entorno como cruceiros, fontes e incluso a casa rectoral e o seu canastro, busca tamén favorecer a renovación e revitalización urbana e comercial do entorno e propor novos usos e actividades que favorezan a concorrencia a este espazo público e o seu desfrute por toda a poboación, promovendo o equilibrio entre usos lucrativos e os espazos de estancia.
En definitiva, esta iniciativa na que o goberno local comezou xa a traballar no 2022 coa convocatoria dun concurso de ideas, busca dar inicio á transformación de Vilaboa, unha idea xa definida no PXOM para crear un núcleo de convivencia no lugar do Toural, punto de encontro sobre “o que debe pivotar ese gran cambio, ese gran salto cara adiante que un concello como o de Vilaboa, marcado pola súa dispersión, necesita para poder seguir medrando”, apunta César Poza.
“Para min, como alcalde, conseguir esta transformación que permitirá a Vilaboa deixar atrás a imaxe dun concello apagado, sen identidade urbana clara, é un logro que marcará un punto de inflexión na historia local”, sinala César Poza. Esta intervención é unha das pezas fundamentais dun ambicioso plan de renovación urbanística impulsado polo goberno municipal, que ten como obxectivo recuperar espazos degradados e convertelos en lugares pensados para as persoas: zonas acolledoras, cheas de vida, cor e accesibles para quen camiña, que fomenten a convivencia e o encontro entre a veciñanza.
Todo este proceso naceu grazas ao apoio do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra, que “nos deu a oportunidade de imaxinar unha Vilaboa diferente, máis aberta e moderna”. Foi no ano 2022 cando se puxo en marcha un proceso participativo no que se convocaron reunións con colectivos sociais e veciñanza, co fin de escoitar propostas e identificar as necesidades reais do territorio. As achegas recollidas foron a base do proxecto gañador do Concurso de Ideas, que agora se materializa como símbolo dunha nova etapa para Vilaboa, marcada pola descentralización de espazos públicos e a recuperación do valor urbano e social das parroquias.



