• A concelleira socialista Rosa Fernández informa de que xa non quedan prazas libres para a seguinte saída, programada para o 12 de xuño, a Cangas do Morrazo
Desde a súa estrea hai xa varias semanas, máis de 100 persoas de diferentes idades están a tomar parte no programa ‘Andainas de Primavera’, a través do cal a Concellería de Mocidade, dirixida pola socialista Rosa Fernández, ofrece á veciñanza a posibilidade de excursións guiadas a diferentes emprazamentos da provincia de Pontevedra. En vista gran acollida que está a ter esta iniciativa, o departamento municipal prevé retomar a actividade unha vez remate o verán. “Seguramente organicemos novas visitas antes da chegada do inverno, habida conta da demanda existente”, indica Fernández González.
Proba do éxito do programa foi a última andaina celebrada este domingo 5 de xuño. Preto de 30 persoas desprazáronse ata o concello da Lama para gozar da coñecida como Ruta da Liberdade. Esta foi a cuarta saída levada a cabo a través de ‘Andainas de Primavera’. Anteriormente, tamén se visitaron lugares como a localidade cambadesa de Castrelo, Pontesampaio (Pontevedra) e a Fervenza do Segade, en Caldas de Reis. Todas estas excursións están abertas á cidadanía en xeral e buscan ofrecer unha proposta de hábitos saudables, ao tempo que se dan a coñecer emprazamentos da contorna que destacan polo seu potencial paisaxístico ou patrimonial.
Rosa Fernández lembra que aínda quedan pendentes de realizar dúas excursións antes de que conclúa esta primeira edición. A seguinte saída será este domingo 12 de xuño, con destino á fachada litoral de Cangas do Morrazo. A edil de Mocidade informa de que para esta saída xa están todas as prazas completas. Sen embargo, aínda é posible anotarse para a última visita, o 19 de xuño, á senda do Barragán, en Pazos de Borbén. A edil socialista explica que á hora de tramitar as inscricións dáse prioridade á veciñanza de Poio. Todas as saídas son gratuítas, se ben é preciso depositar unha fianza de 10 euros, que se devolve no momento das saídas. As anotacións poden realizarse chamando ao 986872401 ou enviando un correo electrónico a xuventude@concellopoio.org.