HomeVigoO PorriñoMáis de 150 maiores do Porriño participan na excursión á Ribeira Sacra,...

Máis de 150 maiores do Porriño participan na excursión á Ribeira Sacra, O Carballiño e Ourense tras triplicarse as prazas pola alta demanda

- Anuncio -spot_img

A elevada acollida da iniciativa fixo que o Concello ampliase as prazas previstas, organizando finalmente tres autobuses para atender todas as solicitudes recibidas

O alcalde, Alejandro Lorenzo, despediu ao grupo na saída e cinco concelleiros acompañan ás persoas participantes durante toda a xornada

O Concello do Porriño organizou este luns unha exitosa excursión turística á Ribeira Sacra, O Carballiño e Ourense, que contou con máis de 150 participantes maiores de 55 anos, unha cifra que se viu triplicada respecto da inicialmente prevista ao rexistrar unha alta demanda por parte da veciñanza. A viaxe, promovida pola Concellería de Turismo, tiña previsto un único autobús, pero a excelente acollida da iniciativa levou ao Concello a reforzar os medios dispoñibles e mobilizar tres autobuses, permitindo así que todas as persoas inscritas puidesen desfrutar da xornada.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, achegouse ao Pavillón de Deportes esta mañá para despedir ao grupo antes da saída, momento no que destacou o valor destas iniciativas. “Estamos moi orgullosos da acollida que tivo esta excursión. Estas actividades non só permiten descubrir o noso patrimonio cultural e natural, senón que fomentan a convivencia, o envellecemento activo e a conexión entre a veciñanza. O feito de ter que triplicar as prazas é unha mostra clara do interese da cidadanía por participar e seguir implicada na vida do municipio”, sinalou o rexedor.

Durante toda a xornada, cinco concelleiros do equipo de goberno acompañaron ás persoas participantes, compartindo con elas as visitas culturais e o paseo fluvial. O itinerario incluíu a visita ao Templo da Vera Cruz no Carballiño, obra emblemática de Antonio Palacios, unha visita guiada pola cidade de Ourense e unha travesía en barco polos Canóns do Sil, un dos paraxes naturais máis espectaculares de Galicia.

Desde o Concello do Porriño reiteran o seu compromiso de continuar promovendo actividades culturais, de lecer e de dinamización social dirixidas especialmente á poboación maior, e destacan que novas propostas xa están a ser preparadas para próximas datas que se irán dando a coñecer, tanto a través dos medios de comunicación, web e redes sociais municipais, como por medio de circulares ás diferentes asociacións veciñais e a nova canle a través da cal todas as persoas que estean interesadas en recibir este tipo de información poidan ter un coñecemento inmediato e directo.

Publicacións Relacionadas