O evento, que se celebrará durante toda a fin de semana no Pavillón da Raña, contará coa participación de máis de 20 clubs e foi presentado esta mañá
Marín segue acollendo eventos deportivos de referencia, como será o caso desta fin de semana coa celebración da XVI Copa Galicia Internacional de Trampolín e o II Memorial Pablo Hinojar. O evento foi presentado hoxe coa participación do concelleiro de Deportes, Antonio Traba; da secretaria xeral da Federación Galega de Ximnasia, Belén Ferreira, e coa directora de Deportes da Deputación de Pontevedra, Xisela Aranda.
Esta competición, que destaca por ser a primeira do ano que se celebra en España nesta modalidade, contará coa participación de aproximadamente 230 deportistas procedentes de máis de 20 clubs tanto de España como de Portugal. Os asistentes poderán gozar de espectaculares exhibicións nas disciplinas de trampolín, dobre mini-tramp e tumbling.
Unha cita que une base e alto rendemento
A secretaria xeral da Federación destacou que esta é unha “cita que adoita gustar moito” e puxo en valor o traballo conxunto realizado pola Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello para facer posible este evento internacional.
Pola súa banda, a directora de Deportes, Xisela Aranda, subliñou que este campionato é un exemplo claro de por que Pontevedra é a “provincia do deporte”.
Aranda fixo fincapé na importancia de honrar o legado de adestradores que “deixan pegada”, como é o caso de Pablo Hinojar, cuxo memorial cumpre a súa segunda edición.
Por parte do Concello, Antonio Traba salientou que “as nosas instalacións deportivas municipais terán sempre as portas abertas para que o deporte, en calquera disciplina, poida medrar, convocar eventos, fomentar a súa visibilidade e crear comunidade en torno a el”.
O evento comezará coa parte competitiva o venres pola tarde e seguirá durante a xornada do sábado completa e o domingo pola mañá.



