HomePontevedraBaixo MiñoMáis de 350 deportistas competirán no XI Campionato Ibérico de Kung Fu...

Máis de 350 deportistas competirán no XI Campionato Ibérico de Kung Fu Eurocidade

- Anuncio -spot_img

Celebrarase este domingo no pavillón municipal Gustavo Rodríguez en Tui

O pavillón deportivo municipal Gustavo Rodríguez acollerá este domingo, 29 de xuño, dende ás 10.30 h o XI Campionato Ibérico de Kung Fu Eurocidade. O Club Ximnasia e Auga de Tui organiza esta competición en colaboración coa Eurocidade Tui-Valença e a Federación Galega de Kung Fu. Este mediodía presentou este evento deportivo na casa do concello de Tui.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro,  salientou o compromiso do Concello de Tui co kung fu e con este evento deportivo. Amosou a súa gratitude e orgullo por albergar este campionato no municipio dentro do calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença. O rexedor incidiu na relevancia desta práctica deportiva que está moi arraigada en Tui. O concelleiro de Depores de Tui, Rafael Estévez, amosou tamén a súa satisfacción pola organización desta proba incidindo no apoio a este deporte. Na súa intervención convidou á veciñanza a achegarse o domingo ao pavillón municipal para desfrutar da competición.

Na presentación participou o xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, agradeceu á corporación municipal de Tui o seu compromiso e respaldo institucional ao deporte, e fixo especial fincapé na transmisión de valores que promove o kung fu.

Pola súa banda o presidente da Federación Galega de Kung Fu, Carlos Alonso, remarcou que esta é unha proba consolidada tras once anos organizándose en Tui.  Salientou Carlos Alonso que este domingo congregarase en Tui unha nutrida representación de deportistas de nivel internacional, campións europeos, campións nacionais e deportistas doutras comunidades autónomas, como Andalucía. En total serán ao redor de 350 deportistas, das categorías alevín, infantil, junior, senior e veteranos, os que competirán en Combinación de movementos libres, Defensa Persoal Simulada e Tao.

Mentres o director do departamento de Kung Fu Moderno da Federación Galega de Kung Fu, Aarón Blanco, avanzou que nesta modalidade acudirán este domingo a Tui  os deportistas máis importantes de Galicia e de Portugal, cunha selección de 24 competidores; 8 do país luso e 16 da nosa comunidade. Blanco sinalou que é unha competición rápida, dinámica e entretida que fará o desfrute do público. 

Para o director do comité organizador, Eduardo Jorge Méndez é “un fito histórico que unha poboación como Tui e Valença poidan celebrar este campionato”. Agradeceu o apoio institucional do Concello, da Xunta e da Federación, sen a que sería imposible poder organizar un campionato coma este. Fixo referencia ao 40 aniversario que cumpre este ano o Club Di Som Tui. Catro décadas nas que levan organizados máis de 30 campionatos: 6 provinciais, 7 de Galicia absolutos, 10 Campionatos Ibéricos, 5 de España e 11 internacionais. O club leva formados neste tempo máis de 8.000 deportistas na modalidade de kung fu, xerou máis de 13.000 licenzas.

O XI Campionato Ibérico de Kung Fu Eurocidade celebrarase este domingo, 29 de xuño, dende ás 10.30 h no pavillón Gustavo Rodríguez. A entrada será gratuíta.

Publicacións Relacionadas