HomePontevedraBaixo MiñoMáis de 400 imaxes para reconstruír a memoria festiva de Tabagón

Máis de 400 imaxes para reconstruír a memoria festiva de Tabagón

- Anuncio -spot_img

Grande éxito da exposición fotográfica ‘Memorias das festas de Tabagón’, que pon en valor dous séculos de historia

A parroquia festexa este 30 e 31 de xaneiro e 1 de febreiro as súas festas da Saúde e San Brais

O que comezou como unha chamada á memoria da veciñanza acabou converténdose nun auténtico arquivo visual da alma de Tabagón. A exposición fotográfica Memorias das festas de Tabagón está a ser todo un éxito de participación e de público, cunha recompilación de máis de 400 imaxes achegadas pola propia veciñanza que percorren décadas de historia arredor das festas da Saúde e San Brais, unha das celebracións con máis arraigo do Rosal.

As fotografías, que van desde os anos 40 ata a actualidade, recollen momentos profundamente simbólicos da vida da parroquia: a elaboración e subida do arco floral, as procesións, os festexos populares ou a convivencia arredor da festa. Entre elas destacan auténticas xoias históricas, como unha imaxe de hai 100 anos dun aniversario da erección do arco floral, xunto a instantáneas moi recentes tomadas hai apenas dúas semanas durante os preparativos do arco deste ano, que supón a recuperación dunha tradición que levaba tempo sen realizarse.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, puxo en valor o significado desta mostra, sinalando que “esta exposición non só recupera unha festa, senón que recupera a memoria colectiva dunha parroquia que cumpre máis de 200 anos de historia. Detrás de cada unha destas imaxes hai centos de persoas que forman parte desa historia, dese legado, desa memoria… e que construíron coa súa emoción, co seu traballo, co seu sacrificio o que é Tabagón e tamén O Rosal”.

Por primeira vez realízase unha recompilación histórica destas dimensións sobre a parroquia, coincidindo cun ano que xa queda marcado na memoria colectiva. “2026 pasará á historia non só pola recuperación da subida do arco floral, senón tamén por este legado visual que permanecerá no tempo como testemuña do que fomos e do que somos”, destacou a rexedora, quen quixo agradecer de maneira expresa o traballo da nova comisión de festas polo seu impulso á recuperación desta tradición.

Neste senso, o arco floral deste ano incorporará no seu círculo central o debuxo da igrexa, como símbolo da parroquia e da súa historia, reforzando o vínculo entre pasado, presente e futuro. “É moito máis ca unha festa, é un reencontro coa memoria que nos deixaron os nosos avós e avoas e coa orixe dunha comunidade que segue viva”, engadiu a alcaldesa.

A exposición Memorias das festas de Tabagón poderá visitarse aínda os días 30 e 31 de xaneiro e 1, 7 e 8 de febreiro, en horario ininterrompido de 10.00 a 20.00 horas na Casa Social da Comunidade de Montes de San Xoán de Tabagón.

Mentres tanto, esta fin de semana arrinca a programación das festas. Este venres 30, a partir das 18.00 horas, terá lugar a subida do arco artístico, seguida dunha cea con prezos populares e, pola noite, unha Festa Oitenteira a cargo dos DJ Los lunes al sol, Romeo, Piedra e Maci. O sábado 31, ás 21.30 horas, haberá verbena coa orquestra Miramar e música cos DJ Charlie e Adrián Mesu. Xa o domingo 1, ás 11.00 horas, celebrarase un pasarrúas coa Banda de Música do Rosal; pola tarde, desde as 17.00 horas, haberá inchables e, ás 18.00 horas, concerto da banda, con chocolate de balde e poxas ao remate.

Ademais, dentro das celebracións do bicentenario, o Concello designou o vindeiro luns 2 de febreiro, día da Saúde e San Brais, como festivo local.

Publicacións Relacionadas