O Concello prepara unha ampla programación para todos os públicos que comeza cun mes de marzo dedicado á muller e que rematará coa Feira do Libro de Segunda Man a finais de abril
A primavera no Rosal, vívese, celébrase e compártese. O Concello presenta unha completa axenda cultural e de lecer con máis de medio cento de horas de actividades pensadas para todos os públicos, unha programación que converterá o municipio nun punto de encontro para a cultura, a tradición, a saúde e a convivencia veciñal.
A tempada comezará cun marzo que se consolida como o mes da muller, cunha programación especial arredor do 8M. O xoves 6 de marzo celebrarase unha charla sobre a artista Maruja Mallo da man da creadora Gemma Marqués, unha oportunidade para afondar na figura dunha das grandes referentes da arte galega. Mentres, o propio 8 de marzo acollerá unha intensa xornada reivindicativa e cultural cun roteiro en familia, unha concentración, unha exposición do alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier e a representación da obra ‘Bravas’, con Isabel Risco, unha proposta teatral que convida á reflexión desde o humor e a retranca.
“A primavera é tempo de florecer, pero tamén de medrar en igualdade, en cultura e en comunidade. No Rosal apostamos por unha programación diversa, pensada para todas as idades e que pon en valor o talento e a participación da nosa veciñanza”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A programación continuará con tres novas sesións dos Venres Rebuldeiros os días 13 e 27 de marzo e o 24 de abril, consolidando este espazo como referente de lecer infantil e familiar. Por outra banda, as tradicións terán tamén un papel protagonista coa celebración da Feira de San Gregorio do 13 ao 15 de marzo, a Romaría de San Xosé de Novás o 19 de marzo ou as Festas de San Xián do 10 ao 12 de abril, citas xa imprescindibles no calendario rosaleiro.
A Escola da Saúde celebrará tamén dúas novas sesións esta primavera: o 21 de marzo cun encontro centrado nas hormonas femininas e o 24 de abril cunha actividade sobre os beneficios do tai chi, promovendo hábitos de vida saudables e espazos de aprendizaxe compartida.
A natureza e o patrimonio tamén terán o seu espazo co regreso do roteiro ‘A lingua das aves’, mentres que a música e o teatro volverán encher os escenarios do municipio. O 29 de marzo celebrarase o Concerto de Primavera da Agrupación Musical do Rosal, que contará con Paulo Martins como director convidado, e o 25 de abril será a quenda de Cantares de Brión.
No eido teatral, o público familiar poderá gozar o 12 de abril de ‘Biblioteca Galáctica contra a IA fantástica’, da compañía Tanxarina, e o 18 de abril representarase ‘Xaque mate. O mellor de cada casa’, a cargo do teatro da Asociación Cultural de Viladesuso.
Como broche final, a Praza do Calvario acollerá o 26 de abril a IV Feira do Libro de Segunda Man, unha cita xa consolidada que promove a lectura, a reutilización e o encontro arredor dos libros.
“A nosa axenda é o reflexo dun Rosal vivo, dinámico e orgulloso das súas tradicións e da súa creatividade. Queremos que cada veciña e cada veciño atope unha actividade na que participar, porque a cultura é cohesión, é identidade e é futuro”, conclúe a rexedora.



